A maioría da veciñanza de Padrón apoia a continuidade do Derbi Asnal, segundo un estudo sociolóxico municipal

04 Outubro 2025

O Concello de Padrón deu a coñecer os resultados do estudo sociolóxico municipal realizado este verán co obxectivo de coñecer a opinión da cidadanía sobre o Derbi Asnal, unha das citas máis singulares e tradicionais do calendario festivo local.

A enquisa, elaborada mediante 408 entrevistas telefónicas asistidas por ordenador (CATI) entre o 4 e o 7 de agosto, revela que un 68,4% dos veciños e veciñas apoia que a carreira de burros continúe celebrándose nas próximas edicións das festas padronesas.

Este estudo forma parte do compromiso adquirido polo Concello o pasado mes de xullo, cando se anunciou a intención de promover unha consulta independente para coñecer con rigor a opinión da poboación arredor deste evento. A decisión adoptouse tras o debate social e político xerado polo regreso do Derbi Asnal en 2025 —logo da súa ausencia en 2024—, cando a Asociación do Burro Fariñeiro (Abufa) organizou a carreira fóra do programa oficial do Santiaguiño do Monte como homenaxe a este animal, símbolo histórico e identitario de Galicia.

A volta do evento provocou opinións encontradas entre a cidadanía e diferentes grupos políticos, entre eles BNG e Podemos, que reclamaran expresamente unha consulta pública sobre o tema.

Os resultados do estudo tamén amosan que un 62,6% das persoas entrevistadas non considera o Derbi Asnal como unha forma de maltrato animal, fronte a un 36% que si o percibe así. A percepción varía segundo a idade: mentres un 53,7% dos menores de 30 anos considera que existe maltrato, esta porcentaxe descende ata o 25% entre os maiores de 65 anos.

En relación coa organización do evento, o 61,1% da veciñanza opina que debería ser o Concello quen asumise directamente a súa organización, mentres que un 29,6% aposta por unha entidade independente.

Tamén se preguntou sobre o lugar de celebración: o 49,3% prefire manter a carreira nas rúas do casco histórico, mentres que o 44,8% opta polo Paseo do Espolón, localización escollida este ano e que rexistrou un cheo absoluto.

A relación da cidadanía co Derbi Asnal queda patente no feito de que máis da metade (55,2%) asegura asistir habitualmente ao evento, un 23,6% participou nalgunha edición e só un 21,2% declara non ter asistido nunca.

A enquisa incluíu tamén unha pregunta sobre os fogos de artificio e bombas de palenque durante as festas: un 66,5% da poboación considéranos parte esencial da celebración, fronte a un 20,2% que se amosa en contra e un 13,3% ao que lle resulta indiferente.

O Concello destaca que estes resultados permiten coñecer con precisión a opinión dos veciños e veciñas sobre unha actividade cun forte peso tradicional e simbólico, e servirán como base para adoptar decisións informadas sobre a súa continuidade nas vindeiras edicións das festas padronesas.

Outros artigos

O Concello de Ribeira reivindica o Orgullo con música e cine

O Concello de Ribeira celebrará o Día do Orgullo 2026 cunha completa axenda na que, ademais do acto institucional, non faltarán outras de carácter lúdico. Na presentación, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto á concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, e a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...