UCIN Boiro denunciou que o alcalde do municipio estaría utilizando as obras financiadas a través do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña como un instrumento de propaganda política encuberta. Segundo a formación, os carteis instalados nestas actuacións preséntanse como se fosen mérito exclusivo do rexedor, ocultando que os fondos proceden da administración provincial.
A organización considera que esta práctica incumpre a normativa do POS, que obriga a dar visibilidade á entidade financiadora, así como a Lei 29/2005 de Publicidade Institucional e a Lei 19/2013 de Transparencia e Bo Goberno. Ao seu xuízo, supón “un uso partidista de recursos públicos” e evidencia “falta de dilixencia e supervisión” por parte do alcalde.
UCIN Boiro esixe a rectificación inmediata dos carteis, coa incorporación do logotipo e a mención expresa da Deputación da Coruña, ademais de medidas urxentes que garantan transparencia e cumprimento da normativa. Tamén solicita información detallada sobre quen autorizou, deseñou e supervisou os materiais, así como sobre posibles instrucións políticas relacionadas co seu contido.
A formación lembra que a veciñanza de Boiro ten dereito a recibir información veraz sobre a orixe dos fondos públicos e subliña que “as obras financiadas con diñeiro provincial non poden ser utilizadas como propaganda política de ningún alcalde”.
Por último, UCIN Boiro advertiu de que manterá a súa vixilancia sobre estas prácticas para impedir que os recursos públicos sexan empregados con fins electorais ou propagandísticos.




