O Partido Popular de Ribeira criticou con dureza ao alcalde, Luís Pérez Barral (BNG), pola adxudicación do contrato do servizo de monitorado deportivo, que ascende a 549.530,14 euros para os próximos catro anos.
Os populares lembran que en anteriores lexislaturas o BNG censurara con insistencia este modelo, ao que cualificaba de “privatización” e de supor un “subrecusto” para as arcas municipais. Agora, sinalan, o propio executivo nacionalista recorre ao mesmo procedemento que antes cuestionaba.
“O goberno do BNG vese obrigado a dar marcha atrás, deixando en evidencia que o traballo realizado polos populares ía na senda correcta tanto no eido executivo coma no económico”, sinalan desde o PP, que acusan a Pérez Barral de “carecer de criterio e de liderado para contribuír ao progreso de Ribeira”.
Segundo a formación, a decisión de adxudicar este contrato é unha mostra máis da “contradición” do actual alcalde, ao que reprochan actuar “totalmente á inversa do que predicaba dende a oposición” e carecer dunha “folla de ruta clara” na xestión municipal.





