Continúan as tarefas de achique para manter a flotabilidade da embarcación sinistrada
O arrastreiro Awadi continúa ardendo no porto comercial de Ribeira, máis de 24 horas despois de que se iniciase o incendio na tarde do luns. A situación do barco é descrita como “estable”, segundo confirmou o Concello, e as tarefas céntranse agora no achique da auga para garantir a súa flotabilidade. Estes traballos están sendo realizados por unha empresa especializada en tratamento de hidrocarburos.
Co obxectivo de evitar a contaminación da dársena, xa foron despregadas barreiras anticontaminación, xa que a auga extraída das adegas presenta restos contaminantes da maquinaria do propio barco, tal e como explicou Fernando Abraldes, concelleiro do Mar de Ribeira.
Desde a tarde do martes non se detectan chamas no interior do pesqueiro. Con todo, o incendio segue activo e mantéñense as tarefas de arrefriado desde terra, segundo confirmou Lorena Solana, xefa da zona centro de Portos de Galicia, que destacou que o obxectivo principal pasa agora por estabilizar o barco.
O porto comercial continúa pechado por seguridade, aínda que as autoridades avanzan que podería reabrirse ao longo do día de hoxe se a evolución segue sendo favorable.




