
Juan Caballero. Comezou a conta atrás para o 6º Simposio de Clubs Náuticos de España que albergará o Hotel Carlos I Silgar de Sanxenxo, os días 3 e 4 de outubro. Organizado por CEACNA – Confederación Española de Asociaciones de Clubs Náuticos e ASNAUGA – Asociación de Náuticos de Galicia, logrará reunir, durante dúas xornadas, a máis de 200 profesionais que traballan no amplo tecido industrial da náutica, aglutinando todos o sectores como o social, deportivo e empresarial que contribúen, de maneira destacada, no Produto Interior Bruto – PIB, de España.
O xoves 2 de outubro, ASNAUGA ofrece unha recepción a todos os participantes no Simposio, no Real Club Náutico de Sanxenxo, evento que contará coa presenza de representantes do Concello, Juan Deza e Marcos Guisasola; representantes da xunta directiva do club; así como de Javier Ruiz de Cortázar, presidente de CEACNA e ASNAUGA.
O gran salón de eventos do Hotel Carlos I Silgar é o marco elixido para o desenvolvemento desta cita coa náutica española, abrindo a sesión o director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles, que estará acompañado polo propio Ruiz de Cortázar e o secretario de Estado de transporte aéreo e marítimo, Benito Quintanilla.
A náutica deportiva en España, a súa situación e a nova lexislación, centrará o primeiro gran relatorio, a continuación, baixo a exposición de Benito Quintanilla, secretario de Estado de Transporte Aéreo e Marítimo; e de Jordi Carrasco, director xeral de ANEN – Asociación Nacional de Empresas Náuticas.
Retos e futuro da xestión autonómica, unha mesa redonda que contará coa presenza de José Antonio Álvarez, presidente de Portos de Galicia; Ignacio Álvarez Osorio, director xeral de Portos de Andalucía; Antonio Mercant, director xeral de Puertos de Baleares; e Enric Martínez, director sur de Puertos de Cataluña.
Antes do coffe-break desta primeira xornada, Carlos Gil, de GNGH Abogados, disertará sobre a Lei de Portos do Estado: prórrogas e ampliacións.
As novas tecnoloxías ao servizo da actividade náutica, versando sobre a I+D+i no sector náutico e profundando na experiencia galega, abrirá unha nova mesa redonda con Javier Marque, CEO de Prodimar; José Manuel Díaz, director técnico de AB8 Marine; e Pablo López, CEO de Hacce Comunicacións.
Antes do xantar, chega outra mesa redonda sobre Calidade, Sustentabilidade e Medio Ambiente, a cargo de Fernando Fraile, director xeral de ICTES; José Antonio Alvarellos, CEO de Supernova; Luis Gómez, en representación do Club Náutico Santo Antonio de Eivissa; Magdalena Martínez, polo Real Club Náutico de Calpe; e Ruiz de Cortázar, polo de Portonovo.
O secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, compartirá espazo con Xisela Aranda, directora de deportes da Deputación de Pontevedra; Marcos Guisasola, concelleiro de Deportes do Concello de Sanxenxo; e María Ángeles Vidal, directora xerente da Fundación Deportiva Municipal do Ayuntamiento de Valencia, baixo a proposta de Deporte como fomento do turismo náutico – Clubs Náuticos e Deporte Base.
As actividades náuticas, novos conceptos e propostas correrán a cargo de Jorge Arán, presidente do Real Club Náutico de Portosín; Pascual Orts, en representación do Club Náutico Santa Pola; Joan Marc Rigo, do de Cala Camba; e Héctor Espadas, do Club de Vela de Blanes.
Romina Fernández, directora de turismo da Deputación de Pontevedra, de maneira conxunta con Iván Meléndez, director de Competitividade da Axencia de Turismo de Galicia, versará a súa exposición no Turismo Náutico en Galicia: experiencia da Administración.
Outra das destacadas temáticas é a formación na náutica deportiva en España e a problemática do persoal técnico deportivo, coa participación de José Manuel Liceras, director do instituto de formación da Federación de Vela da Comunidade Valenciana; e de Carlos Torrado, xerente de CEACNA e do Real Club Náutico de Torrevieja.
Antes da cea oficial do simposio, que se celebrará no Pazo Colón, en Poio, no que se lle renderá unha especial homenaxe a Luís Enguita Melendo, os representantes do Club Náutico de Altea, Real Club Náutico de Sanxenxo, Club Nàutic La Escala; Chimo Such, Luis de la Peña e Raimón Roca, respectivamente, falarán do Modelo de socio, o seu futuro e o perfil dos novos usuarios dos servizos náuticos, unha mesa redonda que tamén contará coa presenza de Isabel Gil, directora do Salón Náutico de Valencia.
Na última xornada, a do sábado 4 de outubro, poñerase sobre a mesa a temática da Responsabilidade Civil nos Clubs Náuticos e Portos Deportivos, así como tamén a Fiscalidade e Contabilidade específica das asociacións sen lucro, a cargo de Maica López, de KPMG Abogados.
Plans de Acoso, Plans de Igualdade e Traballo con Menores, con Cristina Pérez, directora de RRHH Grupo Isonor; a Náutica Social, con José Antonio Morillo-Velarde, xefe da Asesoría Xurídica de Portos do Estado; Alberto Pons, xerente do Club Náutico Can Picafort; Antonio Estades, de CEACNA; e Carlos Carmona, presidente do Real Club Náutico de Torrevieja.
A recta final encárana a Descarbonización na Náutica Deportiva, con Raúl García, de REPSOL; e o Apostolado do Mar – Stella Maris, con Mariel Larriba, responsábel de Stella Maris en Vigo.
O peche do simposio realizarano os presidentes de Asociacións Autonómicas de Clubs Náuticos de CEACNA, coas conclusións do mesmo. A clausura correrá a cargo da conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde.



