Lousame aproba tres mocións de apoio ás medidas contra os lumes, contra a explotación sexual e a prol das parcelarias forestais de propiedades privadas

29 Setembro 2025

A unanimidade caracterizou a primeira sesión plenaria ordinaria dirixida por Esteban Ares García como novo alcalde do Concello de Lousame. Un pleno no que se aprobaron dúas mocións por unanimidade, presentadas por PP e PSOE, e mesmo aprobouse como moción institucional unha proposta socialista co gallo da conmemoración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas.

A sesión, celebrada o pasado venres 26 de setembro, comezou coa toma de coñecemento da renuncia de Teresa Villaverde á súa acta de concelleira polo PPdeG, presentada o pasado 18 de setembro tras o pleno de elección do novo alcalde. Así mesmo, a secretaria municipal informou da renuncia tamén do número 7 da lista do PPdeG, Tomás Pedrosa, a aceptar a acta, polo que a acta será cuberta por Yésica Fernández Míguens, número 8 do PPdeG e que xa formara parte da corporación municipal no mandato 2019-2023, como concelleira de Sanidade e Protección Civil.

Na quenda de mocións, aprobouse por unanimidade unha presentada polo Partido Popular de apoio á toma de medidas contra os lumes forestais na que insta á Xunta de Galicia a resolver con celeridade a concesión de axudas ás familias e empresas afectadas pola vaga de lumes dos pasados meses e solicítalle tanto á Administración autonómica como á central a posta en marcha de medidas de protección e recuperación medioambiental para as zonas afectadas. Ademais de pedir o fortalecemento dos programas de prevención, o grupo municipal do PPdeG instou a pedir a instalación dunha base da UME en Toén.

O voceiro socialista, Juan José Prego, amosouse “de acordo coa proposta de acordo, non coa exposición de motivos”, polo que garantiu o voto a favor da súa formación á moción. Pola súa banda, o voceiro do BNG, Anxo Moledo, propuxo a incorporación de novos puntos na moción. Todos eles foron aceptados, con excepción da solicitude da prohibición de plantación de eucalipto xa que, como lle lembrou o propio alcalde, “é algo máis complexo que botarlle a culpa aos eucaliptos, sobre todo cando este ano precisamente houbo ben pouco deles”.

Porén, a instancias do BNG, a moción final insta tamén á Xunta de Galicia a concretar as medidas de apoio aos concellos de menos de 10.000 habitantes, a mellorar as condicións laborais dos traballadores dos servizos de loita contra os lumes e a duplicar o presuposto para prevención de lumes.

Explotación sexual

Acto seguido, o pleno aprobou como moción institucional unha proposta do PSdeG con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas. Así, a secretaria municipal deu lectura a un texto no que se pide a abolición da prostitución e ínstase ao Concello de Lousame a seguir impulsando políticas de loita contra a explotación sexual e a prostitución, así como a realización de campañas ou iniciativas de concienciación na materia.

Finalmente, impulsouse por unanimidade unha segunda moción socialista na que se lle solicita á Xunta de Galicia a reactivación das concentracións parcelarias forestais de terreos de propiedade privada, a promoción do uso sostíbel dos montes, a impulsión de programas de formación para as persoas propietarias e a posta en marcha de mecanismos de claridade para acometer estas parcelarias. Os socialistas entenden que esta regulación “facilitará a limpeza das fincas”.

Esteban Ares amosouse de acordo coa proposta, se ben advertiu que “o que piden é técnica e lexislativamente difícil. Vexo que é unha moción difícil de cumprir, pero no fondo non me parece mal”.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...