A Biblioteca Municipal de Noia achegou esta semana unha homenaxe bibliográfica á escritora e activista galega Emilia Pardo Bazán, que naceu o 16 de setembro de 1851 na Coruña e que, como lembraremos, foi unha autora, pensadora e feminista galega que revolucionou a literatura española.
Foi ela quen introduciu o naturalismo en España e deu voz ás mulleres traballadoras nas súas novelas, como en La Tribuna. Foi a primeira muller en España en ocupar unha cátedra na Universidade Central de Madrid e a primeira socia do Ateneo de Madrid. Entre as súas obras máis destacadas están Los pazos de Ulloa, levada á pequena pantalla nos anos 80 con actores e actrices da talla de Fernando Rey, Charo López ou Chus Lampreave entre outros.
Dende a Biblioteca de Noia lembran que Emilia foi unha muller adiantada ao seu tempo: “Nunha sociedade que relegaba ás mulleres ao silencio, ela alzou a voz desde a literatura, o pensamento e a acción”.
Ademais, fundou a Biblioteca da Muller, onde traduciu obras como La esclavitud feminina de John Stuart Mill, e escribiu ensaios que denunciaban a desigualdade educativa e social.
“Emilia Pardo Bazán lémbranos que cada páxina escrita con valentía pode transformar unha sociedade”, lembran dende a Biblioteca, engadindo que “temos a disposición das nosas persoas usuarias a excelente e moi ben documentada biografía Emilia Pardo Bazán: su época, su visa, su obra de Pilar Faus e varias obras da autora”.





