Seisdedos estrea dúas montaxes en Titiriberia este sábado, día en que o festival ofrece cinco funcións

15 Agosto 2025

O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia,
a Deputación da Coruña e o INAEM, celebra en Rianxo a súa décima edición entre o 12 e 17 de agosto. Este ano, o programa inclúe unha trintena de espectáculos da man de 19 compañías procedentes de Galicia, Portugal, Euskadi, Navarra, Aragón e Valencia. O programa para mañá sábado inclúe cinco espectáculos, dous deles serán estreas absolutas da man da compañía galega Seisdedos.
A primeira destas estreas terá lugar ás 12.00 horas no Campo de Arriba. A esa hora, nese espazo, Seisdedos Mariontas Tradicionais estreará Teatro de Mochila. A peza trata sobre o Profesor Endalecio, titiriteiro ambulante que percorre o mundo cargando cun teatriño ao lombo. Con el vai contando a “Verdadeira e fantástica historia do Medio Pito e do rei Pomporrompón que nin da nin quita nin pon”. Nesta historia coñeceremos como lles medrou a
crista aos galos.


A segunda estrea de Seisdedos celebrarase ás 20.00 horas no Campo de Arriba baixo o título Cantar do Ano. É un microespectáculo para a recreación da feira vella de Rianxo. Coa colaboración da Asociación, crea un cantar de cego ao xeito antigo co que narrará unha escolma de destacada actualidade rianxeira desde a pasada edición do festival. A invasión turística de cada verán, a crise da produción de marisco e outros feitos destacados atópanse
nesta retranqueira proposta, que quere converterse nunha tradición local.
Pola súa banda, a compañía valenciana El Ball de Sant Vito representará El País de Babia ás 13.00 horas na Praia de Tanxil. A obra fálanos do monicreque Mingo, canso de sentirse parvo, decide marchar da casa e emprender unha longa viaxe. Irá a unha terra estraña onde as cousas
non tee¡ñen sentido.  Alí terá que resolver os sarillos cos que se vai atopar, e entenderá que empregando a súa astucia pode vivir moitas aventuras e facer bos amigos. 
Esta formación valenciana ofrecerá unha segunda obra mañá sábado: Gori Gori. Neste caso, a función será ás 21.00 horas no Centro Sociocultural A Capela. Nesta peza, regresamos ao mesmo personaxe, a Mingo, que quere moito ao seu avó. Mais un día vai visitalo e xa non está.
Comeza así unha fantástica viaxe polas emocións.
O programa desta penúltima xornada complétase no Campo de Arriba, entre as 19 e as 21 horas, coa sesión de Lambe Lambe. Tres compañías galegas achégannos ao teatro máis pequeno do mundo, as caixiñas Lambe Lambe, que acollen unicamente un ou dous espectadores de cada vez para ver micro espectáculos. Os Monicreques de Kukas combinan a maxia dos títeres con mensaxes a prol da paz e do medio ambiente en SOS Emerxencia
ambiental e Gernika. Laboratorio Fantoche amósanos en A bailarina a beleza na arte e na natureza, e como as historias nos transforman cando miramos a través dela. Memoria Material de Diáspora Teatro invita ao público a partir de 9 anos a explorar a relación íntima entre os obxectos e as lembranzas que atesouran.

Outros artigos

A III edición da Noite Tradi encheu a praza da Igrexa de Ribeira

Este sábado 11 de xullo de 22 a 01:30 h celebrouse en Ribeira, na Porto do Sol (perante a Igrexa Parroquial de Santa Uxía) a terceira edición da Noite Tradi, organizada pola Asociación Cultural Bailadela e a Concelleria de Cultura de Ribeira. Contou coa actuación da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.