A deputada socialista Silvia Longueira vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para reclamar explicacións sobre o tratamento informativo que a CRAG (Corporación de Radio Televisión de Galicia) está a facer dos incendios. Segundo advertiu, “o que se está vendo ata o de agora por parte da TVG é unha cobertura nesgada, insuficiente e que non responde á gravidade da situación”. Longueira dixo que “a televisión pública comezou por minimizar os lumes e, lonxe de cumprir co seu deber de servizo público, confunde á cidadanía sen aclarar que as competencias na loita contra os incendios corresponden ao Goberno galego, ao tempo que centra as críticas en Pedro Sánchez”. Ademais, denunciou que “continúa a ofrecer un desfile de cargos do PP, preocupándose máis por sacar imaxes de Rueda ou Feijóo que en informar con rigor”.

“O que precisa a cidadanía é información veraz sobre a intensidade dos incendios, os medios dispoñibles, a quen lle corresponde a súa xestión e cales son as responsabilidades, non a propaganda política que vemos cada día”, sinalou.
O PSdG engade que “as críticas á cobertura non veñen só do ámbito político”. Así, lembran, o Comité Intercentros da CRAG, que representa aos traballadores e traballadoras do ente, fixo público un comunicado no que esixe o cesamento dos responsábeis de Informativos “polo abandono do servizo público nos maiores incendios da historia de Galicia”.
No escrito, o comité acusa á dirección de “non estar á altura nun momento de extrema emerxencia no que a poboación agardaba que os medios públicos fosen fonte de información de referencia”. Critican que a TVG limitouse “a emitir información en bucle e “on escasos especiais informativos, cun único obxectivo: disfrazar a nefasta cobertura realizada para xustificarse no Parlamento”.
Os representantes do persoal afirman que estas xornadas “foron días de sentir vergoña, impotencia e carraxe pola desidia e irresponsabilidade dos seus superiores” e consideran que a situación actual da Corporación é un auténtico “desastre que debe ser revertido para recuperar o orgullo de traballar na radiotelevisión galega”.
Por todo, o Grupo Socialista reclama que a dirección da CRAG “rectifique e que centre a súa programación informativa en ofrecer datos reais e útiles para a cidadanía, tanto sobre a evolución dos incendios como sobre os medios mobilizados e as medidas adoptadas polas administracións”.



