
Un pequeno percorrido polas obras que resultaron premiadas no certame Carlos Mosteiro de Literatura Infantil daranos unha idea do logrado.
Os Fantom de Patricia Mallo, foi o primeiro libro que acadou este premio en 2018 e foi ilustrado por Alba Cid. Ela xa tiña publicado, con Galaxia, Os Cabezombis na Mansión Espello. Semella que a autora ten unha querenza especial polos pequenos e tenros monstros, no primeiro dos seus libros xa o di o título, e neste trátase dunha familia de defuntos que veñen de vacacións ao Máis Acá e teñen dificultades para volver. Por esa razón, vense obrigados a integrarse no pobo, no hotel, no traballo e na escola (onde os dous irmáns terán que enfrontarse á panda dos que acosan). O bulling aparece tratado unha vez máis, de forma que xa semella absurdo que o profesorado que coñece (ou debe coñecer a estes abusóns) debería ter permiso para pasarlles anacos destes textos de forma que se vexan reflectidos e para que todos poidan rirse ante a repetición destes personaxes ao longo e ancho do mundo mundial, como unha praga. A evolución da autora semella interesante, centrada nun imaxinario propio (a relación entre o Máis Acá e o Máis Alá) adobiado con humor e agora avalada por este premio. Temática esta que veremos desenvolta por outras autoras como Ledicia Costas coa serie dos Minimortos.

Os dous anos seguintes conseguiu o premio o mesmo autor Xosé Antonio Neira Cruz, primeiro fíxoo con O enigma do baúl pechado que aparece ilustrado por Luz Beloso e despois con Por mor de cinco pizzas de catro queixos ilustrado por Víctor Rivas. O primeiro é unha historia de rapazada que provén doutros países e ten a posibilidade de endereitar o seu destino grazas e ese baúl atopado por casualidade e que remata na tenda dun home malvado. Será a amizade e solidariedade do grupo quen poda recuperalo, abrilo e entrar a esa outra realidade na que imperan outros valores. No segundo libro premiado, atopamos unha historia de ratos que viven ao lado dun restaurante humano do que aproveitan todo o que precisan, por iso, cando toca defender ao dono, fano con todas as da lei. Unha historia que semella un divertimento, porque no comezo dous ratiños primos propóñense un reto, de aí derívase que un deles que é moi comellón ha de papar esas cinco pizzas, pero algo sucede que vai dar lugar a toda unha trama que ocorre maiormente no mundo dos ratos. A verdade é que os humanos non saen moi ben parados (ata o di o autor).

Neira Cruz é un autor consagrado que por veces abandona a escrita pero que cando volve se fai notar pola calidade dos seus textos que enriquecen o noso sistema literario. Conta con premios coma o Lazarillo, Barco de Vapor, Merlín, Raíña Lupa, Barriga Verde e Manuel María de teatro; foi director de Fadamorgana (revista galega de literatura infantil e xuvenil), responsable das coleccións infantís e xuvenís de Galaxia e mantivo postos de responsabilidade no IBBY. Escribe para adultos e infantil, tocando xéneros como a narrativa, o teatro e a poesía.



