
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza continúa a súa colaboración coas comunidades de montes de Rianxo coa organización dun novo obradoiro de prospectiva comunitaria, que nesta ocasión terá lugar en Isorna (Rianxo). O obxectivo é apoiar ás Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) na construción “dunha visión compartida de futuro para os seus montes, e na definición de accións concretas para facela realidade desde o presente”, sinalan dende o Laboratorio.
A xornada, coordinada pola Fundación Montescola, está aberta á participación de persoas de todas as idades, tanto comuneiras como non comuneiras. A metodoloxía, deseñada especialmente no marco do proxecto, convida a imaxinar colectivamente como lles gustaría que fose o monte dentro de 30 anos. O resultado será a elaboración dun Plan de Acción Comunitaria para os montes de Isorna, que recolla os pasos acordados para avanzar cara a ese futuro desexado.
O programa inclúe varias sesións que culminarán coa redacción conxunta do Plan de Acción. Todo o proceso será guiado por un equipo da Fundación Montescola, encargado de facilitar unha participación activa, aberta e inclusiva.
O evento terá lugar na Casa da República de Isorna durante toda a xornada do xoves 21 de agosto. As persoas interesadas poden inscribirse ata o mércores 20 de agosto enviando un correo electrónico a info@montescola.org



