Amicos soltou na ría 110 laminarias e 4 gorgonias nunha xornada ambiental coa deputada Rosa Ana García

27 Agosto 2025

Este mércores, 27 de agosto, a deputada responsábel de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García; participou nunha xornada de restauración de fondos mariños da man de Amicos. Durante a mañá acompañárona tamén o concelleiro de Política Social de Boiro, Raúl Treus; o concelleiro de Medio Ambiente e Medio Rural de Porto do Son, Juan José Calo; e o concelleiro do Mar de Ribeira, Fernando Abraldes.

O obxectivo da xornada foi coñecer de primeira man as accións medioambientais de restauración de fondos mariños levados a cabo pola entidade no marco de distintos proxectos de protección e conservación da natureza, neste caso encadrados no hub Blue Mission de océanos e ríos.

A cita comezou no Centro de Atención Integral de Amicos, onde as activistas medioambientais do dual Natura II lles ensinaron ao grupo o Laboratorio de cultivo de macroalgas. Alí cultivan as laminarias, algas pardas que chegan ao centro como gametófitos e que posteriormente son devoltas ao mar cando cumpren as condicións óptimas para a súa devolución ao mar.

Se ben as gorgonias que quedan atrapadas nas redes dos pescadores e que son entregadas ao equipo de Amicos son rehabilitadas no Hospital de Corais de Ribeira, os representantes institucionais tamén coñeceron en que consiste o proceso de recuperación destes corais, vitais para a biodiversidade mariña.

Trala explicación, o grupo dirixiuse a Aguiño, onde embarcaron para soltar un total de 110 laminarias e 4 gorgonias, da man da Confraría de Pescadores de Carreira-Aguiño, colaboradores da entidade neste tipo de accións medioambientais.

A deputada Rosa Ana García que quedou “abraiada coas instalacións” destacou: “Amicos é un claro exemplo de que o sostíbel e o social poden camiñar da man e que as persoas con discapacidade intelectual poden aportar moitísimo á sociedade; neste caso como referentes activistas e incluso científicos”. Tamén quixo felicitar ao equipo e “darlles as grazas pola súa labor medioambiental e social, non só devolven a vida ao mar como no proxecto Cabalga, senón que tamén enchen á comunidade de oportunidades para todos e todas, un obxectivo primordial para a deputación”.

Pola súa banda, a responsábel do CAI de Amicos, Pilar Sampedro, explicou que “en Amicos non só facemos proxectos de sensibilización e accións de eliminación de residuos mariños, senón que tamén nos vemos no compromiso de recuperar o fondo mariño, a través da plantación de corais e algas. Con Cabalga intentamos comprometer tamén aos demais axentes comunitarios para que participen nestas xornadas como a de hoxe e así entre todos poder facer que os nosos mares estean limpos”.

Tamén a axente medioambiental, Carol, salientou a importancia do coidado do medio e deu as grazas “á xente que nos impulsa a mellorar o medio ambiente”. Subliñou: “Hai que ter presente que as persoas con discapacidade intelectual podemos con todo”.

O coidado dos mares e a restauración activa dos fondos mariños é unha das liñas estratéxicas da asociación inclusiva da nosa comarca Amicos, a través de distintos proxectos, tanto nacionais como internacionais, encadrados no hub Blue Mission. Nos últimos meses, a entidade realizou máis de 110 accións medioambientais, nas que se mobilizaron máis de 2000 voluntarios e voluntarias. Ademais, no que vai de ano, a entidade leva reinseridas 460 gorgonias, 1120 unidades de zostera e 1150 soportes de laminarias.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...