Santiago aproba a taxa turística que entrará en vigor o 1 de outubro

31 Xullo 2025

Santiago de Compostela aplicará a taxa turística a partir do vindeiro 1 de outubro, tras a súa aprobación definitiva no pleno municipal celebrado este xoves. Os establecementos de hospedaxe deberán comezar a cobrala desde esa data, convertendo a capital galega na primeira cidade de Galicia en activar este tributo.

A medida saíu adiante cos votos favorables do bipartito de goberno (BNG e Compostela Aberta), o PSOE e varios concelleiros non adscritos. O Partido Popular optou pola abstención, mantendo así a mesma postura que na sesión plenaria de maio, cando a proposta foi votada por primeira vez.

“Hoxe é un día crucial para o futuro dos veciños de Compostela. Esta corporación ten nas súas mans dar un paso decisivo que na práctica implicará comezar a equilibrar os custos que xeran a actividade turística na cidade”, afirmou a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, durante o debate.

Tras o período de alegacións e conversas co sector hostaleiro, o texto inicial sufriu modificacións. A máis relevante foi a fixación do 1 de outubro como data de entrada en vigor —inicialmente prevista para o momento da publicación da ordenanza—. Ademais, estableceuse un prazo de seis meses para a creación da comisión de seguimento, que estará integrada no Foro de Turismo Sostible.

Este órgano incluirá representantes do Concello, do sector turístico e de asociacións veciñais. A súa misión será supervisar o destino da recadación, da cal un 80 % deberá ser destinado a accións de turismo sostible, tal como recolle a normativa autonómica. Tamén será o espazo onde se debata a posibilidade de aplicar unha taxa ao excursionismo.

A taxa turística en Galicia consiste nun recargo ao imposto galego de estancias turísticas, regulado pola Xunta a través da Lei de medidas fiscais e administrativas. A normativa, solicitada e negociada previamente por Santiago, establece que o tributo se aplicará a estancias de entre un e cinco días, con importes que oscilan entre 1 e 2,5 euros por noite, en función do tipo de aloxamento

Outros artigos

Sábado 12, tempo seco e solleiro cunha suba xeral das temperaturas

O tempo anticiclónico continuará a marcar o panorama meteorolóxico en Galicia durante a xornada deste sábado 12, Santa Uxía, festivo local en Ribeira. A comunidade permanecerá baixo a influencia directa das altas presións, ás que se sumará a entrada progresiva dunha...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.