
O alumnado do Obradoiro de Emprego Tahume (edición X), impulsado polos Concellos de Porto do Son e Ribeira para impulsar a contratación de demandantes de emprego dos dous territorios, participou nunha actividade formativa e divulgativa coa Comunidade de Montes de Baroña. En concreto, as e os estudantes tiveron a oportunidade de participar nunhas xornadas nas que descubriron o importante traballo de aproveitamento do monte na comunidade e comprobar a amplitude dos traballos, iniciativas e actividades que dende a entidade se promoven, así como os futuros proxectos da mesma.
Seguidamente, o seu presidente, Ovidio Queiruga, acompañou ao Tahume X nunha visita guiada, onde observaron in situ como se realiza a extracción da resina e descubriron os porqués do papel referencial da Comunidade de Montes de Baroña en materia de aproveitamento resineiro (trátase da primeira produtora galega).
Para rematar, tamén tiveron tempo de explorar a vertente gandeira e forestal da Comunidade e puideron ver o que será o centro de transformación de produtos do monte.
Como lembraremos, Tahume é unha iniciativa dos Concellos de Porto do Son e Ribeira para impulsar o inserción laboral na contorna destes municipios do Barbanza. Inclúe nesta edición as especialidades de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e Traballos de Carpintería e Moble. Este obradoiro laboral é un programa mixto de formación e emprego dirixido a mellorar a ocupabilidade e empregabilidade das persoas que actualmente están paradas, e que está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, con dez alumnos de cada unha desas localidades. Ademais, como incentivo, a Xunta de Galicia realiza unha achega de 30.000 euros para fomentar a empresas que contraten a persoas formadas neste obradoiro.
Ademais da formación específica de carpintería e forestal, o alumnado recibe formación en competencias dixitais, igualdade, medio ambiente, orientación laboral ou autoemprego, entre outras. Por outro lado, o alumnado participante que non estea en posesión da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) recibirá formación específica para a súa preparación e obtención.




