A Xunta de Galicia, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, vén de adxudicar o contrato para a explotación, mantemento e conservación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Pobra do Caramiñal, cun investimento que supera os 1,6 millóns de euros e unha duración de dous anos.

O contrato abrangue todos os traballos necesarios para garantir o funcionamento óptimo das instalacións que compoñen o sistema de depuración, asegurando que cumpran os cometidos para os que foron deseñadas. Inclúe tamén o mantemento integral das infraestruturas para manter en perfecto estado todos os elementos da planta.
A pesar de que a xestión dos servizos de saneamento e abastecemento é competencia dos concellos, a Xunta mantén desde hai anos unha estratexia de apoio técnico e financeiro aos municipios, co obxectivo de ofrecer unha alternativa autonómica que garanta a calidade e continuidade destes servizos esenciais.
Na actualidade, Augas de Galicia xestiona un total de 28 EDARs en diferentes puntos da comunidade, como parte desta política de colaboración institucional.
Esta liña de traballo consolidouse coa Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, aprobada en 2022, que dota aos municipios de ferramentas para facer fronte ás dificultades técnicas e económicas na xestión do saneamento. A norma permite que a Xunta asuma directamente este servizo mediante un sistema de adhesión voluntario por parte dos concellos.
O modelo autonómico impulsado pola Xunta contribúe, ademais, a profesionalizar a xestión da auga, a preservar o bo estado ecolóxico dos ríos e rías galegas e a mellorar a calidade dos servizos básicos para a cidadanía.



