Afundación presentará este venres 18 en Muros (na praia do Castelo ás 11h), en colaboración coa Confraría de Pescadores e co Concello desta localidade, unha nova edición da súa campaña Goza da praia sen deixar pegada, unha iniciativa que xa desenvolvera o pasado ano por estas mesmas datas na localidade e que ten como obxectivo “sensibilizar aos turistas que visitan durante o verán os areais de galegos, sobre a necesidade de compatibilizar o uso recreativo dos mesmos coas actividades socioeconómicas que neles se desenvolven, como é o caso do marisqueo a pé”.
A cita contará coa presenza da presidenta da Agrupación de Marisqueo a Pé da Confraría de Pescadores de Muros Adelaida Lestón; a alcaldesa de Muros, María Lago; José Manuel Mourelo, coordinador de Responsabilidade Social Corporativa e Institucional de Afundación; o director de Zona de ABANCA, Miguel Ángel García Rey, e Saleta González, directora técnica do proxecto PLANCTON.
Paralelamente á campaña informativa, que contará coa participación de mariscadoras da zona, instalouse nesta zona unha exposición con tótems informativos sobre a práctica marisqueira, o valor da biodiversidade, e distintos consellos e boas prácticas durante o uso recreativo das praias, co fin de protexer o medio ao mesmo tempo que nos protexemos nós como usuarios das mesmas.
A campaña é parte do proxecto Plancton da Obra Social de ABANCA, que leva retiradas xa máis de 133 toneladas de lixo mariños de areais e fondos, e que ten como obxectivo principal, ademais deste beneficio ambiental, promover na sociedade formas de actuar responsábeis.




