Xa está dispoñíbel o vídeo do concerto No bico un cantar, subido ás redes polo Consello da Cultura Galega e dispoñíbel no Youtube.
Uns 500 rapaces e rapazas de diferentes centros de ensino musical de todo o país protagonizaron o pasado 6 de xuño, no Pavillón Municipal José Manuel Abuín Chema, este concerto único para homenaxear a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Foi a novena edición do concerto No bico un cantar.

O concerto foi concibido para lembrar a vida e obra de Castelao, coincidindo co 75 cabodano do seu falecemento.
Trala fanfarria Galliard Battaglia, peza barroca para instrumentos de vento, abriu o concerto Bicos do mar, con letra de Xesús Frieiro Dourado e música de Anxo Romero, que inclúe a gabanza á vila mariñeira lembrada con saudade desde América.
Seguiulles Lela, o pranto pola fermosa Lela de Os vellos non deben de namorarse escrito por Castelao.
Tamén foron interpretados os temas Ondiñas da nosa ría. A rianxeira e máis Daniel, con música composta por José Luís do Pico Orjais sobre un poema de Emilio Pita —colaborador de Castelao— escrito desde a amizade e a emigración.
O concerto rematou, como en todas as edicións, co Maio longo de Rosalía de Castro, xa convertido en himno deste proxecto. Todos os arranxos musicais do programa son do recoñecido compositor Juan Durán.
O concerto puxo o ramo a unha actividade que arrincou co inicio deste curso académico. O alumnado de canto e de linguaxe musical de dez conservatorios profesionais de música (CMUS) estiveron ensaiando o repertorio ao longo de todo ano ata o ensaio xeral que abriu a xornada. Os centros que participaron nesta edición dos conservatorios profesionais de música (CMUS) dependentes da Consellería de Educación: CMUS da Coruña, CMUS Xan Viaño de Ferrol, CMUS Xoán Montes de Lugo, CMUS de Ourense, CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra, CMUS de Santiago de Compostela, CMUS de Vigo, CMUS Felipe Paz Carbajal de Noia, CMUS Profesional de Ribeira Enrique Paisal e o alumnado da escola municipal de Porto do Son, Carnota, Santiago de Compostela, a EMUSPR de Rianxo, o Coro Infantil da OSG o Coro da Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela. Este ano, como novidade, participou tamén o Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires a través dunha gravación que trazou unha ponte entre a vila natal de Castelao coa cidade porteña na que o intelectual viviu os derradeiros anos e morreu exiliado en 1950. Un ano máis, a escritora Rosa Aneiros exerceu de mantedora do acto.



