Un estudo aborda os potenciais elementos tóxicos das algas pardas na costa galega ao longo de tres décadas

03 Xuño 2025

Este tipo de organismos actúan como vía de entrada de contaminantes na cadea trófica ao ser consumidos por invertebrados e peixes, motivo polo que a análise da USC e o IEO resulta esencial á hora de avaliar os riscos ambientais.

O equipo analizou un total de 446 mostras recollidas entre 1990 e 2021 en 173 puntos da costa de Galicia.

USC.- As algas pardas Fucus son especies clave nos ecosistemas costeiros xa que contribúen á estrutura dos hábitats, sustentan unha alta biodiversidade e actúan como vía de entrada de contaminantes na cadea trófica ao ser consumidas por numerosos invertebrados e peixes. Todo isto implica que estudar os niveis de metais nestes organismos resulte esencial para avaliar os riscos ambientais. Un equipo integrado por persoal investigador da USC e do Instituto Español de Oceanografía (IEO) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) estudou ao longo de tres décadas os potenciais elementos tóxicos neste tipo de organismos na costa galega e detectou un descenso significativo de metais de orixe humana. O artigo titulado ‘Three Decades of Change in Potentially Toxic Elements in Brown Algae in the Northeast Atlantic Ocean’, acaba de ver a luz na revista Environmental Science & Technology. 

En concreto, analizouse un total de 446 mostras recollidas entre 1990 e 2021 en 173 puntos da costa de Galicia, de algas pardas do xénero Fucus. “Trátase da serie máis completa e estandarizada deste tipo en macroalgas a nivel internacional”, explican dende o equipo investigador. Os resultados mostran un descenso significativo de metais de orixe humana como o cobre (-84,7 %), o cromo (-84,6 %), o mercurio (-49,6 %) e o cadmio (-36,7 %), “o que suxire unha mellora na calidade ambiental e evidencia a efectividade das medidas de control da contaminación implantadas nas últimas décadas, como a mellora do tratamento de augas residuais vía modernización das instalacións e creación de novas plantas”, engaden.

Arsénico 

Con todo, detectouse un aumento do arsénico (+36,1 %), cuxas causas non están claras. “Este incremento podería deberse a cambios na achega de sedimentos, variacións na biodispoñibilidade ou novas fontes como verteduras subterráneas”, sinalan dende o equipo investigador integrado por Carme Pacín, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) e do Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS); Massimo Lazzari do CiQUS; J. Ángel Fernández, Zulema Varela e Jesús R. Aboal do CRETUS; M; Mercedes Conde-Amboage do departamento de Estatística, Análise Matemático e Optimización da USC; Carlos Real e Rubén Villares, do departamento de Bioloxía Funcional da USC, e Rita García-Seoane e  Inés G. Viana, do IEO do CSIC. 

A nivel espacial, observáronse concentracións máis elevadas nas zonas internas das rías, sen que se identifiquen patróns claros de norte a sur. “É importante destacar que as concentracións nos organismos non teñen por que reflectir directamente os niveis no medio (auga ou sedimento), xa que dependen da fracción biodispoñible”, destacan. Por iso é imprescindible monitorizar directamente nos organismos vivos, pois é a única forma de saber realmente como lles está afectando a contaminación.

En conxunto, estes resultados suxiren un descenso xeral na contaminación para a maioría dos potenciais elementos tóxicos e apuntan á efectividade das medidas ambientais aplicadas nas últimas décadas. Porén, a presenza de tendencias opostas, como o aumento do arsénico, pon de relevo que se trata de dinámicas moi complexas, influídas por múltiples factores e nun contexto de cambio global marcado, entre outros, pola acidificación dos océanos. “Todo isto subliña a necesidade de manter redes de vixilancia ambiental a longo prazo, fundamentais para avaliar a evolución da calidade ambiental e garantir a protección da biodiversidade mariña”, conclúen.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.