O aviso chegou ao 112 Galicia a través de Salvamento Marítimo, ás 21 horas do xoves: unha embarcación con catro persoas a bordo quedara varada á altura de Punta Peón, en Barro (Noia).
De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a acción dos GES de Muros e Noia e dos axentes da Garda Civil. Ademais, informouse en todo momento do desenvolvemento do operativo a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.
Os membros do Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES) de Muros achegáronse ao lugar do suceso en moto de auga, e confirmaron que se trataba dunha zona con moi pouco calado. A continuación, procederon co rescate das persoas, ás que trasladaron a terra.
Finalmente, foron transportadas en coche polo GES de Noia, en perfecto estado.




