A Casa da Cultura de Porto do Son será obxecto dunha profunda mellora grazas a un investimento de 150.000 euros por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que vén de aprobar a sinatura dun convenio co Concello no Consello da Xunta celebrado hoxe. A actuación enmárcase no plan de modernización dos equipamentos culturais da Xunta, co obxectivo de ofrecer espazos públicos accesibles, eficientes e acordes ás necesidades actuais da cidadanía.
O edificio, que acolle biblioteca, sala de exposicións e auditorio, constitúe un dos principais motores da vida cultural do municipio. Porén, presenta deficiencias estruturais e enerxéticas que dificultan o seu uso normalizado, polo que a intervención prevista busca garantir a súa modernización e funcionalidade.

A obra desenvolverase en dúas fases. En 2025, a Xunta achegará case 50.000 euros para actuacións iniciais como demolicións, mellora da cuberta e xestión de residuos. A segunda fase, prevista para 2026, contará cunha dotación superior aos 100.000 euros, destinada a renovar as cubertas, carpintarías, revestimentos, instalacións e sistemas de illamento térmico.
Entre os traballos prioritarios figura a substitución do actual chan radiante eléctrico, que provoca un consumo elevado, por un sistema de climatización máis eficiente. Ademais, actuarase sobre a cuberta, que presenta problemas de impermeabilización e falta de illamento térmico, contribuíndo así a reducir o consumo enerxético e mellorar o confort do inmoble.
A intervención tamén inclúe a instalación de baños adaptados na planta baixa, inexistentes ata o momento, e a modernización do sistema de abastecemento de auga potable, moi deteriorado polo paso do tempo.
Con esta actuación, o Goberno galego e o Concello de Porto do Son buscan dotar á veciñanza dun espazo cultural moderno, accesible e sostible, que fortaleza a oferta lúdica, formativa e artística no municipio e na comarca do Barbanza.





