Pontón destaca os dous anos de Goberno do BNG en Muros cunha “clara aposta polos servizos públicos e a cohesión social”

19 Xuño 2025

A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou este xoves en Muros a xestión do Goberno municipal do BNG no ecuador do mandato “cun proxecto de políticas transformadoras” do que destacou “a aposta polos servizos públicos e a cohesión social e no que exemplificou o modelo de calidade do Bloque nos concellos”, sinalou, ao tempo que fixo balance destes dous primeiros anos de lexislatura xunto á alcaldesa, María Lago, da que dixo foi quen de “enderezar o rumbo do concello” e “poñer en marcha políticas de avance e transformación que realmente melloran a vida das persoas”, un dos sinais de identidade do Bloque no ámbito local.

“Estamos na política municipal para poñer as persoas no centro, para crear dinamismo económico e social, para xestionar ben cada euro que pagan os veciños e veciñas nos seus impostos e para facer concellos que sexan democráticos, igualitarios e transparentes”, afondou a líder nacionalista, quen subliñou como todos estes compromisos “xa se poden comprobar en Muros”.  

Exemplos concretos do devandito, sinalou, son o esforzo para garantir o Servizo de Atención no Fogar do equipo liderado por Lago, que xa se comprometeu coas traballadoras para que puideran recibir o pago das dietas por desprazamento, o que redunda na dotación adecuada do SAF e supón tamén unha mellora nas condicións laborais do seu persoal, maioritariamente mulleres.

A portavoz nacional salientou “como Muros, ao igual que outros concellos, está dando soporte a un servizo que debería prestar a Xunta pero que, sen embargo, está pagando en precario ao aportar só 12 euros/hora cando este concello está abonando de media 27 euros, o que implica un infrafinanciamento moi importante”.

Neste sentido, criticou ao PP que votase en contra da proposta do BNG para subir o financiamento deste servizo esencial de 12 euros a 20 euros a hora. “O Partido Popular non ten recursos para destinar a atención ás persoas maiores, pero si pode gastar máis de 7.000 euros ao día en propaganda e publicidade”, reprochou.

Pontón destacou tamén o traballo do equipo de Goberno de Lago “á hora de mellorar a calidade urbana e a conciliación persoal e familiar, coa recuperación de servizos públicos que se deixaron de prestar en épocas anteriores, o que contribúe a avanzar na cohesión social, cun trato igualitario a todos os veciños e veciñas, con independencia de onde vivan, xa sexa no núcleo urbano ou en calquera das parroquias do municipio”.

O de Muros, indicou, representa un exemplo dos “modelos ben xestionados e de calidade do BNG nos concellos, gobernos democráticos ao servizo da xente que xestionan dende a honestidade e que conseguen transformar e mellora a vida das persoas”, subliñou.

A líder nacionalista mostrou así o seu “orgullo” por estes dous primeiros anos de mandato do Bloque en Muros, logo de coñecer tamén de primeira man os novos proxectos nos que está traballando o Executivo local. 

“É un orgullo ver como temos aquí a unha alcaldesa e a un equipo de goberno que está traballando por e para Muros sen descanso cada día e que foi capaz de enderezar o rumbo deste concello”, concluíu.  

Outros artigos

Noia celebra un obradoiro básico e práctico de lingua galega

O Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Noia pon en marcha unha nova actividade dirixida a persoas adultas interesadas en iniciarse no uso oral e escrito do galego: un obradoiro básico e práctico de lingua galega. A actividade formativa será de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.