O Foro Cívico de Compostela analiza cos representantes municipais os retos clave da cidade

11 Xuño 2025

O Foro Cívico de Compostela, que integra diversas entidades e colectivos profesionais radicados na cidade, celebrou este martes unha nova xuntanza para abordar cuestións centrais para o futuro da capital galega. A reunión contou coa presenza da alcaldesa Goretti Sanmartín, acompañada polos concelleiros Miriam Louzao (Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica), Iago Lestegás (Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica) e María Rozas (Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude).

Durante o encontro, analizouse o seguimento dos compromisos recollidos no documento asinado por todos os grupos municipais en maio de 2023, así como outras cuestións de actualidade. A rexedora confirmou que a primeira fase da nova Estación Depuradora da Silvouta entrará en funcionamento este mes de agosto e estará finalizada nun prazo dun ano. Tamén anunciou que a Estación Intermodal será inaugurada este verán, e contará oficialmente co nome de Estación Daniel Castelao, aprobado por unanimidade na corporación.

Outro tema relevante foi a infraestrutura coñecida como “Orbitaliño”, conexión clave entre a N-550 e a AP-9 para mellorar o acceso aos polígonos industriais. A alcaldesa reiterou o compromiso do Concello con este proxecto, aínda paralizado pola falta de orzamentos estatais, do mesmo xeito que a necesaria estación de mercadorías para o ferrocarril.

No tocante á Plataforma Loxística de Mercadorías, Sanmartín destacou a súa importancia estratéxica e o apoio do Foro Cívico á creación de solo industrial accesible, así como á proposta dunha Oficina de Investimentos para atraer capital, especialmente estranxeiro.

A situación do aeroporto Rosalía de Castro tamén xerou debate, ante a perda de conexións e voos. A concelleira Miriam Louzao explicou os esforzos do Concello para mellorar a conectividade aérea, buscando atraer novas compañías como Wizz Air, e subliñou a dimensión económica da mellora das conexións. O Foro pediu ao goberno municipal continuar presionando para mellorar o acceso ao aeroporto, tamén por ferrocarril, e desbloquear as 29 licenzas de taxi pendentes, un proceso que non se resolverá previsiblemente ata finais de ano.

Un dos temas que xerou maior consenso foi a carencia de vivenda en Santiago. O concelleiro Iago Lestegás detallou as accións emprendidas, como a solicitude para declarar Santiago zona de mercado tensionado, o control dos pisos turísticos ilegais, e a promoción de 3.460 vivendas en Mallou, cunha porcentaxe importante de vivenda protexida. O Foro valorou positivamente esta iniciativa, equiparándoa ao impacto que tivo a urbanización de Fontiñas no pasado, e reclamou medidas para incentivar a construción de vivendas de aluguer a prezos asequibles.

Tamén se abordou a lentitude na tramitación de licenzas de obra e de ocupación de vía pública, unha queixa recorrente dos últimos anos. Lestegás asegurou que se traballa para mellorar a coordinación e suprimir avales en casos específicos para axilizar os procedementos.

Por último, tratouse o estado do proxecto de ampliación do aparcadoiro na contorna do Complexo Hospitalario, tras un acordo entre o Concello e a Xunta, así como a urbanización da zona. O Foro defendeu a necesidade de ampliar o espazo destinado ao hospital e ao Campus Vida, e puxo en valor o papel emprendedor da Universidade de Santiago como motor de innovación e desenvolvemento.

A reunión, que durou máis de dúas horas e media, evidenciou a vontade de diálogo entre o goberno local e os colectivos sociais e profesionais para avanzar na resolución dos principais retos que afronta Compostela.

Outros artigos

Boiro sumou forzas contra o cancro cunha cadea humana no centro da vila

A Asociación Española conta o Cancro de Boiro conmemorou na tarde deste sábado 17 de outubro o Dia Mundial da Loita contra o Cancro de Mama, que se celebra o 19 de outubro, cunha gran cadea humana e a realización dun lazo na rúa peonil de Boiro. Durante estes días o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Eu tamén quixen bailar coma Javi” – Fernando Sarasketa

“Eu tamén quixen bailar coma Javi” – Fernando Sarasketa

Foto de Javi Bermúdez na Sala Real Acababa de chover e Javi empuxoume con firmesa coas dúas mans para poñerme debaixo dunha pingueira. Unha pinga conxelada caeu serteira no meu lombo pasando áxil a rentes da caluga e da camiseta, sen tocalas. “Agora xa sabes o que se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.