A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2026 a Begoña Caamaño (Vigo, 14 de outubro de 1964 – Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2014). Así o decidiu a institución no pleno ordinario celebrado este 20 de xuño no pazo municipal de María Pita (A Coruña), unha sesión na que tamén se valoraron as candidaturas de Antón Tovar, Miguel González Garcés e Enrique Labarta Pose.

A RAG celebrará a narradora, autora serodia de dúas novelas nas que reescribiu os mitos da Odisea e o artúrico, e mais a xornalista, nun momento, en palabras da academia, “en que urxe reconstruír o espazo dun xornalismo para a cidadanía, comprometido coa verdade e co uso do galego”. A RAG engadiu que “coa lembranza de Begoña Caamaño, as Letras 2026 serán unha festa asomada á contemporaneidade, á pulsión do presente e á ollada feminista que vertebrou o seu pensamento, o seu traballo intelectual e a súa biografía.”
A proposta de Begoña Caamaño foi presentada polas académicas Ana Romaní, Marilar Aleixandre, María López Sández, Margarita Ledo Andión, Chus Pato e Francisco Fernández Rei. De acordo cos estatutos da RAG, discutiuse canda as outras tres formalizadas na primeira xuntanza ordinaria do pleno da institución tras a sesión extraordinaria do Día das Letras Galegas do ano en curso, que ten as cantareiras e a poesía popular oral como protagonistas.
“A que se homenaxeará no 2026 será de novo unha voz feminina, desta volta a dunha autora en singular pero que escolleu proxectarse no colectivo da palabra literaria e da voz xornalística”, sinalou a RAG.
“Literatura e xornalismo son na autora instrumentos para o coñecemento, outra forma de reflexión e acción, desde o rigor do saber, o estimulante exercicio da razón e a complicidade da maxia e dos soños”, reza o texto da candidatura aprobada. “A figura de Begoña Caamaño dialoga hoxe cunha parte moi activa da profesión xornalística e literaria, traslada outra experiencia de ambas as dúas. Cómplice dese tecido de voces que é a literatura, coma colchas tecidas con retallos, voz coral na que se recoñece, entrégase á narrativa sen desoír a interrogación da xornalista e a esixencia da lectora”, prosegue.
A narradora
Begoña Caamaño debutou na madurez como narradora, aos 45 anos de idade, con Circe ou o pracer do azul (2009). A este título seguiulle Morgana en Esmelle (2012), cuxa publicación cadrou co diagnóstico do cancro que acabou dous anos despois coa súa vida, cando acababa de facer os 50 anos. A súa segunda e derradeira novela foi recoñecida co Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2012 da Asociación Galega de Editores, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa 2012, o Premio da Crítica de narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios 2012 e o Premio Losada Diéguez de creación literaria 2013. No arquivo da autora consérvase documentación para os proxectos literarios que tiña en mente no momento do seu pasamento, entre eles unha novela arredor da figura de Sherezade e mais a recreación da vida da súa bisavoa.

A xornalista
Canda a creadora, as Letras Galegas 2026 tamén celebrarán a Begoña Caamaño xornalista, “nun momento en que urxe reivindicar o xornalismo como profesión crítica e comprometida coa verdade, o rigor e a calidade, apoiar a independencia e o profesionalismo dos medios de comunicación públicos, e mais promover o uso do galego en todo tipo de medios”, explicou a RAG, engadindo que “a protagonista do vindeiro 17 de maio representa todos estes valores, que cultivou ao longo dunha traxectoria profesional que arrincou no seu Vigo natal”.
O barrio do Calvario foi o territorio emocional da infancia e da formación na mocidade. Tras estudar o bacharelato no actual IES Alexandre Bóveada (Coia II) e titularse en Maxisterio, en 1986 comezou a exercer como xornalista nos servizos informativos da emisora viguesa Radio Noroeste e tamén traballou, na mesma cidade, en Radio Popular, antes de se incorporar en 1989 á Radio Galega. Na emisora pública formou parte dos servizos informativos ata a súa incorporación ao Diario Cultural, e tamén presentou e dirixiu os programas Andando a terra, Club Cultura e Expreso de Medianoite.
Alén da radio, traballou para a Axencia Galega de Noticias e asinou colaboracións en El Sol, A Nosa Terra, Tempos novos e Novas da Galiza. Ante o micro ou sobre o papel, Caamaño cultivou sempre a precisión dos datos e da escrita, a consciencia da responsabilidade social do xornalismo, convencida da súa función de servizo público, tanto nos medios públicos coma nos privados. Foi ademais presidenta do Comité Interempresas da CRTVG e unha das impulsoras da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación.