A RAGC prepara un ciclo sobre a importancia do mar en Galicia

09 Xuño 2025

Será a vindeira semana, do 16 ao 19 de xuño, cando a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) co apoio da Deputación da Coruña, leve a cabo un ciclo de conferencias tituladas: Velando pola nosa relación co mar. Os mares dannos vida. As charlas terán un horario de 16:30 a 20 horas, e tamén poderán seguirse en directo a través da canle de Youtube da RAGC.

Indo ao ciclo, dicir que está coordinado polos científicos do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) Fiz Fernández Pérez (académico da RAGC) e Miguel Gil Coto. Amosaran algúns dos principais desafíos que marcan a nosa relación como sociedade co mar, centrándose en catro aspectos clave para Galicia: como observamos o mar para determinar o seu estado, como lle está a afectar o cambio climático, como se están a organizar as actividades no mar e como se están a xestionar os recursos que extraemos del.

Emporiso, nas xornadas participarán recoñecidos expertos dos principais centros de investigación nacionais e europeos, referentes na súa área. Teñen en común o seu contacto con Galicia, onde teñen desenvolvido traballos de investigación ou teñen afondado en procesos que nos afectan. Trataranse temas fundamentais que abranguen desde o emprego das novas tecnoloxías para o estudo do mar como a teledetección ou os drons, a emerxencia climática, os principais retos no uso sostíbel do espazo mariño (en particular o potencial da eólica mariña), até a relevancia das rías como sustento alimentario, entre outros aspectos.

Neste senso, porase de relevo a importancia que ten o mar na nosa comunidade, onde máis da metade da poboación vive na costa. “Os datos socioeconómicos sobre o retorno que Galicia recibe do mar son rotundos. Dispoñemos dunha frota pesqueira de preto de 4.500 buques, con capturas de peixe fresco que superan as 130.000 toneladas ao ano e unha facturación media duns 435 millóns de euros ao ano”engaden os coordinadores desta proposta.

Na mesma liña, as persoas investigadoras subliñan que do marisqueo a pé dependen directamente os ingresos de preto de 4.000 persoas. “A produción acuícola, liderada polo cultivo industrial do mexillón, sitúa a Galicia á cabeza do sector en España e como a primeira rexión comunitaria en cultivos mariños. Hai unhas 3.300 bateas adicadas ao cultivo do mexillón, distribuídas entre 2.400 propietarios e o sector ocupa a unhas 11.500 persoas, o que representa de media un 17,5% da poboación activa dos concellos con produción, chegando nalgúns casos ao 40%”.

Asemade, os coordinadores do ciclo lembran que Galicia é a décima exportadora mundial de produtos da pesca, por diante de países como Xapón ou Islandia, exportando a 121 países. “Ten actividade relacionada coa transformación de produtos do mar en máis de 30 países, onde chega a 65 lonxas para primeira venda de produtos frescos e a 127 portos para o desembarco dos mesmos”, sinalan.

“O relevante de toda esta actividade marítimo-pesqueira e acuícola é que ten a súa base nun pasado cunha compoñente social e cultural moi firme. Esta relación da sociedade galega co uso produtivo do mar calou en moitas facetas da mesma, creando unha cultura propia e xerando un patrimonio marítimo inmóbel (arquitectura industrial, arquitectura popular, arquitectura portuaria, vivendas, arqueoloxía), moble (artes de pesca, ferramentas, útiles, pecios, embarcacións tradicionais) e inmaterial (tradición oral-folclore, festas, talasonimia, culinaria mariñeira, oficios, artes, iconografía mariñeira, museos) extraordinariamente extenso. Esta relación entre o mar e a sociedade galega segue evolucionando e enriquecéndose con actividades mais recentes como o turismo e o

deporte”, manifestan os investigadores.

Volvendo ao ciclo, este diríxese a todo o público interesado neste eido, sobre todo en temas vencellados co cambio climático, a oceanografía, as enerxías renovábeis, a pesca e a acuicultura; o persoal docente e investigador; e a estudantes de grao, mestrado e doutoramento en disciplinas relacionadas co ámbito mariño. As dúas primeiras sesións, 16 e 17 de xuño, celebraranse en Oleiros, no Castelo de Santa Cruz, sede do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia). As xornadas do 18 e 19 terán lugar en Santiago, na facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago.

O prazo de inscrición para participar de balde en todas as conferencias, de xeito presencial ou en liña, xa está aberto.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La gente”. Mario Clavell

“La gente”. Mario Clavell

En mis tertulias oigo generalizaciones tales ‘la gente escapa de Compostela’ o ‘la gente está hasta el gorro de Pedro Sánchez’ …  ¿Quién es la gente’?, ¿la sociedad?, ¿la nación?, ¿toda la nación?, ¿la colectividad, la humanidad? ‘La gente’ es demasiada gente y...

“Agresións, vexacións e torturas” – José Manuel Pena

“Agresións, vexacións e torturas” – José Manuel Pena

Desde Amnistía Internacional e algúns medios de comunicación están a denunciarse varios casos de agresións, vexacións e torturas, por parte dun grupo de militares españois, cara a algúns migrantes africanos chegados á cidade autónoma de Ceuta, algúns deles menores de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.