A Pobra do Caramiñal dará un paso decisivo cara á transformación urbana coa convocatoria dun concurso público de arquitectura que seleccionará a proposta encargada de guiar o futuro Plan Director da fachada marítima da vila. A iniciativa está impulsada polo Concello da Pobra, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Fundación RIA, e conta co apoio económico da Fundación Marta Ortega Pérez (MOP).

O ámbito do concurso abrangue o tramo comprendido entre a Ponte de San Antonio e a estación de autobuses, un espazo estratéxico que se estrutura arredor de tres áreas clave: a reordenación do mercado semanal, a articulación dos espazos públicos e o deseño dunha nova estratexia de mobilidade. O obxectivo é repensar a relación entre o tecido urbano e o litoral, mellorando a calidade do espazo público e favorecendo a cohesión social e económica da vila.
As propostas que se presenten ao concurso deberán abordar cuestións como a mobilidade sostible, a integración de infraestruturas verdes e azuis, a eficiencia enerxética, a circularidade dos recursos e o uso de metodoloxías participativas. Ademais, deberán presentar solucións viables desde o punto de vista técnico e económico, con actuacións previstas por fases.
Este proceso parte dunha diagnose realizada pola Fundación RIA xunto coa Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), que identificou os principais retos do espazo urbano, como as dificultades xeradas polo trazado da AC-305 ou a situación do mercado semanal, así como as oportunidades que ofrece unha reconfiguración integral da zona.
A proposta gañadora recibirá o encargo de redactar o Plan Director, que marcará a folla de ruta para as futuras intervencións urbanas na fachada marítima da Pobra. A convocatoria tamén recoñecerá outras ideas destacadas mediante premios e mencións especiais.
O anuncio oficial do concurso realizarase nas próximas semanas a través das canles habituais do Concello e das entidades colaboradoras.



