A Pobra do Caramiñal volveu converterse esta fin de semana nun referente do remo estatal e do fútbol base coa celebración dos LXXVIII Campionatos de España de Traiñeiriñas e o Torneo Internacional CONGALSA, celebradas as dúas citas o sábado 24 e o domingo 24 de maio.
A primeira das competicións, organizada polo Club Remo Puebla e a Federación Española de Remo, contou co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte, a Deputación da Coruña e o propio Concello da Pobra.

A segunda das probas, o Torneo Internacional CONGALSA de Fútbol Base, foi unha iniciativa solidaria a favor da Fundación Aladino, acolleu 39 equipos da categoría alevín de diferentes comunidades autónomas do país, así como equipos procedentes de Portugal e Francia. O torneo desenvolveuse no Estadio da Alta da Pobra.
Estas dúas importantes citas foron aproveitadas polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, para reivindicar (na compaña do alcalde, varios concelleiros e membros da Corporación) os nosos produtos pesqueiros e marisqueiros. Villares reivindicou o consumo de peixe e a práctica do deporte como hábitos saudábeis que teñen un gran impacto no benestar e calidade de vida da cidadanía. Neste contexto, puxo en valor as accións do Goberno galego para promocionar os produtos pesqueiros co obxectivo de incentivar o consumo. Unha liña de traballo na que tamén está enmarcado o próximo lanzamento do Bono Peixe.
Alfonso Villares sinalou que por este motivo recalaron esta fin de semana as catro foodtrucks da campaña autonómica Galicia sabe aMar na localidade co “obxectivo de difundir entre deportistas e afeccionados as bondades e sabor dos alimentos mariños das rías galegas”. Tamén recordou que estes produtos contan con importantes calidades nutricionais, destacando entre eles a presenza de ácidos graxos Omega 3, que teñen importantes beneficios para a saúde e que permiten previr enfermidades e doenzas como as de natureza cardiovascular.
A Consellería do Mar púxose a disposición do Club de Remo da Pobra do Caramiñal tralo incendio lume que afectou ás súas instalacións a comezos de ano. O departamento autonómico, a través de Portos de Galicia, puxo a disposición da entidade unha nova nave para uso de almacén e tarefas deportivas.



