
O Concello da Pobra do Caramiñal vén de sacar a licitación o contrato para a xestión do servizo A Pobra Corresponsable cun valor de contrato de 316.495,86 euros.
Este está dividido en tres lotes nos que se inclúe o Obradoiro de conciliación do verán Móvete!, a coordinación das prestacións madruga e comedor e, por último, os talleres de conciliación que se realizan durante os períodos vacacionais e nos días laborais non lectivos. Trala adxudicación e firma do contrato, este terá unha duración dun ano coa posibilidade de establecer unha prórroga de dous anos que se renovaría de xeito anual.
A licitación tramitarase por vía urxente por considerarse un servizo “esencial”, tal e como concluíu a concelleira de Igualdade, Estefanía Ramos. A edil apuntou que o obxectivo “é continuar promovendo a conciliación das familias con nenos e nenas con idades comprendidas entre 3 e 12 anos favorecendo, así mesmo, a creación dun espazo lúdico e creativo para os pequenos”.
Por unha banda, o lote 1 correspóndese co Móvete!, un programa que se leva a cabo na época estival. En concreto, realízase entre o 23 de xuño e o 5 de setembro, ofrecendo ás familias un horario de atención de 9.00 a 14.00 horas. Pola outra, no lote 2 inclúense dous servizos que se realizarán nos dous colexios entre o 5 de setembro de 2025 e o 19 de xuño de 2026 (ambos incluídos): o madruga (en funcionamento desde as 7.00 horas ata o inicio da xornada escolar) e o comedor (dispoñíbel desde o fin da actividade escolar ata as 16.30 horas, aproximadamente). Por último, o terceiro lote aborda a realización de talleres de conciliación en épocas nas que non haxa clases. Inclúense neste apartado os obradoiros de Nadal, Entroido e Semana Santa, ofrecendo aos nenos e nenas atención de 9.00 a 14.00 horas.
Programación de actividades
Ademais de presentar a oferta económica, as empresas terán que achegar unha proposta de programación de actividades con temáticas adaptadas á cada lote. Estas terán que estar deseñadas de acordo ás idades dos rapaces e rapazas e terán unha compoñente fundamentalmente educativa e lúdica. En todo caso, deberán ter un fío condutor, traballando sobre a educación en valores, a igualdade, o medio ambiente, a saúde, o coñecemento sociocultural da contorna local, etc.
O prazo de presentación de ofertas estará dispoñíbel ata o 3 de xuño, ás 23.59 horas.