
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) colabora activamente no III Campionato Barista de Educación Especial 2025, que se celebrará este xoves 15 de maio no Pazo de Goiáns (Boiro), achegando 17 premios destinados aos rapaces participantes.
Este campionato xunta 14 mozos e mozas con discapacidade de 7 Escolas de Educación Especial de Galicia, que demostrarán as súas habilidades no arte do café nunha xornada que pon no centro valores como a inclusión, o esforzo, a autoestima e o compañeirismo.
ABE aposta pola inclusión e a visibilización das capacidades: “Desde ABE entendemos que a inclusión laboral é clave para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria; a nosa colaboración materialízase a través da entrega de 17 premios, recoñecendo non só o desempeño técnico, senón tamén a ilusión, a superación e o traballo en equipo dos participantes”, sinalaron dende a patronal, salientando que “a hostalería é un sector idóneo para fomentar a integración, ofrecendo un entorno dinámico onde moitos mozos e mozas con discapacidade poden desenvolver as súas habilidades e demostrar que a diversidade enriquece os equipos de traballo”.
Dende a ABE, apuntan, “queremos ser parte activa deste cambio, apoiando iniciativas que visibilizan as capacidades destes rapaces e axudan a romper estigmas”.
Un evento para toda a sociedade: convidamos aos nosos socios
O campionato poderá seguirse en directo a partir das 10:30 horas a través das redes sociais de Templo Cafés e Baristas de Foz, ou de forma presencial no Pazo de Goiáns (Boiro).
“Desde ABE convidamos a todos os nosos socios e socias a asistir ao evento e sumarse a esta xornada de visibilización e apoio á inclusión, demostrando o compromiso do tecido empresarial de Boiro cunha sociedade máis igualitaria e diversa”, sinalan.
Con esta colaboración, ABE reafirma o seu compromiso coa inclusión, a responsabilidade social empresarial e o apoio á mocidade de Boiro e Galicia.



