
A Pobra do Caramiñal volverá a converterse nun referente do remo estatal coa celebración dos LXXVIII Campionatos de España de Traiñeiriñas, que terán lugar os días 24 e 25 de maio. A competición, organizada polo Club Remo Puebla e a Federación Española de Remo, conta co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte, a Deputación da Coruña e o propio Concello da Pobra.
A presentación oficial celebrouse nas instalacións do club organizador e contou coa presenza de destacadas autoridades, entre elas o alcalde José Carlos Vidal, o concelleiro de Deportes Eloy Sobrido, o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia José Ramón Lete, o presidente da Federación Española de Remo Miguel Ángel Millán Carrascosa, o vicepresidente da Federación Galega de Remo Gustavo Vázquez, e o presidente do Club Remo Puebla Emilio Dieste.
Durante a súa intervención, o alcalde Vidal destacou a importancia do evento, cualificándoo como unha “oportunidade única para gozar do mellor remo do país”. Agradeceu a colaboración institucional e puxo en valor o traballo do club anfitrión, que vén de acadar éxitos destacados nesta tempada, como os conseguidos no Campionato de España de Bateis.
Probas e participación
O campionato arrancará o sábado 24 de maio ás 11.00 horas, coa celebración das probas eliminatorias. Haberá dúas tandas de catro embarcacións por categoría, das cales os mellores equipos avanzarán á fase final. As finais disputaranse o domingo 25 a partir das 11.00 horas.
Segundo adiantou Emilio Dieste, a cita será un evento multitudinario, con preto de 100 embarcacións e 500 deportistas procedentes de toda España, o que converterá A Pobra nun auténtico punto de encontro do remo nacional durante esa fin de semana.
A celebración destes campionatos supón un novo recoñecemento ao labor do Club Remo Puebla e ao compromiso do municipio coa promoción do deporte de elite e de base.






