A Xunta convida a todos os galegos e galegas a participar nos actos de celebración do Día de Europa, mañá venres, 9 de maio, no Porriño. A vila pontevedresa acolle unha exposición itinerante sobre Fondos Europeos para dar a coñecer os distintos programas europeos que están en marcha e as oportunidades de financiamento que ofrecen. Tras estar este ano en Ribadeo, Viveiro e Verín, a mostra permanecerá no Porriño durante dúas semanas e despois irá pasando polo Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia, Pontevedra, Sanxenxo, Noia e Santiago, onde finalizará o seu percorrido por Galicia, alá polo mes de setembro.

A través de 16 paneis informativos, a cidadanía poderá coñecer a historia dos fondos europeos: os diferentes tipos (FEDER, Fondo Social Europeo, Fondo de Transición Xusta, Plans Estratéxicos da PAC, Cooperación Territorial Europea e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura); e como contribúen, entre outros aspectos, a desenvolver e mellorar a capacidade de investigación, innovación e dixitalización, a protexer e fomentar o patrimonio cultural e natural, a impulsar a mobilidade sostíbel ou a favorecer a cooperación territorial.
Ademais, na praza do Concello haberá durante todo o día unha carpa na que se celebrarán actividades lúdicas para conmemorar esta xornada. Así, desde as 10 e ata as 12 do mediodía as rapazas e rapaces de 6 a 12 anos do CEIP Plurilingüe Xosé Fernández López participarán en diversos xogos e actividades relacionados coa Unión Europea, co obxecto de demostrar o seu coñecemento sobre Europa. Ao mediodía terá lugar o acto institucional, co izado da bandeira de Europa e a inauguración da exposición.
Xa pola tarde, a partir das 16.30 h., haberá xogos para os máis pequenos e, para o público en xeral, un espectáculo de maxia. Un concerto da cantante Helena Egea ás 18.00 horas pechará os actos festivos.
O Día de Europa celébrase xa desde hai máis de dúas décadas para homenaxear a Jean Monnet e a Robert Schuman, que o 9 de maio de 1950 lanzaron a idea de integrar a todas as nacións europeas para poder desterrar para sempre a guerra deste continente. Este acto considérase orixe e semente da creación da actual Unión Europea.