O vindeiro 31 de maio, o Museo do Mar de Noia acollerá unha actividade formativa para todas aquelas persoas que queiran incrementar os seus coñecementos sobre o medio mariño: un curso formativo sobre tartarugas e mamíferos mariños en Galicia, organizado pola coordinadora CEMMA en colaboración da Deputación e o Concello, que indican que estamos ante “unha oportunidade única para aprender máis sobre o noso mar e como coidalo”. As inscricións estarán abertas ata o 29 de maio, e podemos facelas a través da páxina web da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños. O curso comezará ás 10.00 coa presentación para pasar a abordar as características principais dos cetáceos que visitan a costa galega e da actividade da Rede de Varamentos (A. López). Deseguido será a quenda de X. Pin, que achegará contidos sobre os lobos mariños e as tartarugas mariñas. A partir das 12.30 horas, M. González afondará na problemática das candorcas e os veleiros, e U. Vázquez abordará a cuestión das campañas de seguimento marítimo levadas a cabo pola coordinadora. O curso rematará na praia de Boa, no concello de Noia, cun simulacro de rescate.




