
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) e a Asociación Barbantea continúan a súa colaboración cunha nova acción conxunta de sensibilización: a charla Coñecendo o Autismo: unha oportunidade para mellorar o teu negocio e o teu equipo, que terá lugar o venres 30 de maio ás 13:45 horas no salón de actos da ABE.
A actividade está dirixida a todo tipo de negocios e pretende “ofrecer claves prácticas para mellorar a experiencia de compra de clientes con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e fomentar a inclusión laboral das persoas autistas”, segundo informaron as dúas entidades, engadindo que a sesión será impartida por Milagros Torrado Cespón, especialista en diversidade e accesibilidade.
Ao rematar a formación, haberá un pincho e vermú para compartir entre os asistentes, promovendo o intercambio de experiencias e reflexións.
Esta formación enmárcase no convenio de colaboración asinado pola ABE e BarbanTEA a finais de abril, co obxectivo de “promover a inclusión social e laboral das persoas con TEA” e achegar a súa realidade ao tecido empresarial do Barbanza.
Este acordo supón o lanzamento de varias liñas de actuación como formación e asesoramento a empresas en materia de accesibilidade e inclusión, sensibilización sobre o TEA no contexto comercial e laboral, promoción da inserción laboral de persoas autistas, organización de charlas e talleres sobre comunicación inclusiva e creación dunha rede de empresas socialmente responsábeis.
A charla é totalmente gratuíta e está aberta a calquera persoa autónoma, comercio ou empresa interesada en facer do seu negocio un espazo máis accesible, diverso e competitivo.
Data: Venres 30 de maio
Hora: 13:45 – 14:30 h
Lugar: Salón de Actos da Asociación Boirense de Empresas (ABE)
Inclúe pincho e vermú ao rematar
Inscricións en info@abe.gal
Esta iniciativa, segundo informou a patronal boirense, “reafirma o compromiso de ABE coa responsabilidade social empresarial e ofrece unha oportunidade para que o sector comercial da comarca dea un paso adiante cara á inclusión real e efectiva”.



