Ribeira é xa o primeiro concello Cardi@ngel de Galicia

03 Abril 2025

Ribeira converteuse na mañá deste xoves 3 de abril no primeiro concello galego adherido a Cardi@ngel, un proxecto pioneiro para tecer unha rede de voluntarios capacitados en facer reanimación cardiopulmonar (RCP). Nun acto aberto ao tecido asociativo local, empresarios, Policía Local e Protección Civil, Jesús Velasco, director técnico da nova firma innovadora Cardi@ngel, explicou un proxecto que ten como lema “as túas mans poden salvar unha vida”. Engadiu que os veciños e veciñas de Ribeira poden xa descargarse a aplicación en www.cardioangel.es e que a través dela os usuarios, no caso de necesitar axuda urxente, poden lanzar unha petición de auxilio cun só clic no seu dispositivo móbil. Esa petición chégalles aos usuarios @ngel, que reciben a alarma e a través do xeolocalizador saben quen a envía e onde está exactamente.

“Os primeiros minutos son fundamentais para salvar unha vida e as ambulancias moitas veces non chegan a tempo”, explicou Jesús Velasco, que puxo en marcha esta iniciativa “tras perder a un bo amigo por un infarto”.

Engadiu que nas vindeiras semanas as asociacións e colectivos de Ribeira recibirán formación en RCP, co obxectivo de que a rede de usuarios @ngel sexa o máis grande posíbel. De feito, xa hai sesións de formación pechadas para a próxima semana, coa colaboración da Policía Local de Ribeira. Os veciños interesados en formarse, só teñen que descargarse a aplicación e seguir o apartado de News.

Vicente Mariño, primeiro tenente de alcalde de Ribeira, amosou a súa confianza “en que Cardi@ngel sexa un éxito”, mostrando o seu orgullo “por ser un concello pioneiro nun proxecto que pode salvar vidas nos casos de infarto”.

A startup Cardi@ngel foi premiada recentemente pola súa innovación social en saúde nos premios nacionais DKV Impacta.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...