O proxecto Palabra e Memoria constata un incremento do galego nas inscricións funerarias en Noia e Porto do Son

21 Abril 2025

Segundo un estudo da catedrática Aurora Marco, realizado no marco da iniciativa cultural Palabra e Memoria, en Noia e Porto do Son os epitafios en galego chegan ao 20%, unha cifra semellante ás de Rianxo e a Terra Chá luguesa. A investigación comezou no cemiterio novo de Noia, situado no Páramo, onde os investigadores localizaron 31 inscricións repartidas nos panteóns de 22 familias (dun total de 228, o que representa un 9’6%).

Antecedentes 

As cinzas da nobre María de Bolaño descansan na igrexa de Santa María de Meira nun sepulcro de pedra labrada en 1518 e as da escritora Rosalía de Castro están no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, desde 1891. Esas datas referenciais representan o final dun ciclo (a etapa dourada) e o comezo doutro (o Rexurdimento) para a nosa cultura. Polo medio están eses 373 anos de séculos tan escuros en que chegan a desaparecer palabras tan esenciais como “fillos” e “netos” nas inscricións de recordo aos familiares falecidos.

 A inscrición de 1891 dedicada a Rosalía de Castro marca un proceso de recuperación “desde cero”, ao estilo ave Fénix, mais moi lentamente asumida no ámbito da cultura e aínda agora extraordinaria entre a maioría da poboación.

Aínda que desde o final do século pasado rexistráronse iniciativas de sensibilización, os resultados só comezaron a mellorar substancialmente nestes últimos dez anos (entre 2015 e 2025). A visión panorámica está agora “en aberto nun mapa elaborado polo xornalista David Canto Veiga e divulgado en outubro de 2024 polo Consello da Cultura Galega. Desde ese momento, unha auténtica “selección galega de visualización” percorre Galicia con libreta, bolígrafo e teléfono,  realizando un auténtico “paseo investigador” polos cemiterios locais. O seu obxectivo: visualizar os epitafios, facer recollida dos máis rechamantes e plasmar a información nun breve informe para poder realizar máis tarde un estudo pormenorizado.

Despois da recollida de datos de máis de 60.000 familias, repartidas por 184 concellos, a iniciativa educativa Palabra e Memoria observa que a porcentaxe de inscricións funerarias en que aparecen as palabras “muller”, “home”, “fillos” ou “netos” teñen tendencia emerxente. O cambio, recente, débese ao relevo xeneracional e á mellora na atención das empresas funerarias. Persoas alfabetizadas en galego nos primeiros anos da etapa democrática pasan agora a ocuparse do coidado do lugar en que repousan definitivamente os seus parentes (co cambio de xeración das persoas, cambia tamén a valoración e o uso do idioma) e pasan tamén a ter cargos de responsabilidade nas empresas do sector, o que facilita a superación de vellos obstáculos.

Estudo panorámico en Noia e Porto do Son

O equipo de visualización de Palabra e Memoria, no que participan de maneira altruísta unhas cen persoas repartidas polas catro provincias, complétase agora coa sección da comarca de Noia e Porto do Son, a onde chegou por iniciativa da profesora Aurora Marco López, coa colaboración de José Luís Ces.

A primeira das observacións realizárona no cemiterio novo de Noia, situado no Páramo, onde localizaron 31 inscricións repartidas nos panteóns de 22 familias (dun total de 228, o que representa un 9’6%).

En San Pedro de Boa a porcentaxe de uso do galego é moi superior: dun total de 133 familias son xa 23 as que non cambian de lingua para redactar as mensaxes de recordo. Representan un 17’2%.

En Portosín o estudo foi realizado nos dous cemiterios. Como é tradicional, no camposanto histórico o uso da lingua galega é moito menor: dun total de 248 nichos e sepulturas, o noso idioma está presente en só 8, a primeira do ano 1982 (que supuxo a entrada da lingua galega escrita no recinto). 

No cemiterio novo, construído pouco antes da mudanza de século, o cambio social móstrase con moita evidencia. Dun total de 172 propiedades, en 34 está presente a lingua galega escrita, o que representa un 19’7%. 

Cartografía dos cemiterios galegos

Toda esta información recollida por José Luís Ces e Aurora Marco está publicada na Cartografía do uso do galego nos camposantos, que contén información sobre máis de 60.000 familias repartidas por 184 concellos. O proceso continúa aberto á colaboración cidadá.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.