A 15ª edición do Concerto das Letras Galegas do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrarase este ano en Carballo “en recoñecemento á riqueza que o canto tradicional ten tanto neste concello coma na comarca bergantiñá”, segundo explicou presidenta do CCG, Rosario Álvarez, que estivo acompañada na presentación polo alcalde da localidade, Evencio Ferrero. Indicaron que a cita fai “un percorrido pola xeografía galega a través das melodías tradicionais cunha posta en escena contemporánea”. Como de costume retransmitirase pola CRTVG e en liña a través da web do CCG.
Na rolda tamén participaron o director do Arquivo Sonoro de Galicia, Alejo Amoedo; a xefa de Comunicación Corporativa da CRTVG, Marta Fernández, e a concelleira de Cultura de Carballo, Maruxa Suárez.

Na rolda tamén participaron o director do Arquivo Sonoro de Galicia, Alejo Amoedo; a xefa de Comunicación Corporativa da CRTVG, Marta Fernández, e a concelleira de Cultura de Carballo, Maruxa Suárez.
Entre as novidades desta edición destaca que o concerto estará a cargo de Do Bertau, unha formación coordinada por Richi Casás, creada expresamente para esta ocasión e integrada por 11 artistas de distintos eidos musicais.
Como dixemos, o concerto, de entrada libre e gratuíta, terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo o 16 de maio (20:30 horas) e poderá seguirse en directo desde a web do CCG e o Día das Letras Galegas na G2.
“Sempre concibimos o concerto como un proxecto colaborativo e este ano puxemos aínda máis o acento no colectivo xa que, grazas á mestría de Richi Casás, créase unha banda efémera de 11 artistas que lle da impulso a esta proposta” explicou na rolda Rosario Álvarez. Alejo Amoedo destacou que o Concerto das Letras Galegas “escolma nesta ocasión arredor dunha ducia de pezas do amplo legado recollido nos cancioneiros para ofrecer, cunha envoltura de jazz a cargo de Do Bertau, muiñeiras, comparsas, xotas, pasodobres e outros tipos de cantos tradicionais de diferentes zonas de Galicia”. Pola súa banda, Evencio Ferrrero agradeceu na rolda a elección a elección de Carballo para este concerto que “nos permite honrar á nosa tradición desde a comarca de Bergantiños, que ten unha fonda raigame de música tradicional con moitas persoas que serviron de fonte na que beberon os novos valores da música tradicional galega”.
O concerto poderá seguirse en directo a través do web do CCG no día do concerto e “na segunda canle da TVG no marco da programación especial do Día das Letras Galegas e despois quedará a disposición da cidadanía na plataforma dixital agalega.gal” explicou Marta Fernández.

O programa
O Concerto das Letras Galegas arranca coa Comparsa de Mens, en Ordes, recuperada a través das gravacións clásicas feitas primeiro por Alan Lomax cando chegou a Galicia nos anos 50 enviado pola discográfica Columbia e, dúas décadas despois, pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth. Séguelle unha xota de Maruxa das Cortellas, unha das máis sobranceiras informantes en Galicia do toque de pandeiro. No programa destaca tamén o canto de Nadal de Rosa e Adolfina Casás, un dos poucos cantos deste tipo que se conservan en galego. Tamén se escoitaran as Mulleres de Gharghamala, un grupo de cantadoras e tocadoras de Mondariz que seguen mantendo viva a chama da tradición. Do sur da provincia de Pontevedra pasarase ao sur de Ourense para escoitar o canto de canteiros de Faramontaos, que nesta ocasión soará na voz de Tanea. Na recta final do concerto escoitaranse dúas pezas de Cervantes, cantadas a capela nas voces das tres integrantes de Bouba Pandeireteiras sen o acompañamento da banda. Poñen o ramo ao concerto dúas pezas de Santa Mariña, unha xota e unha muiñeira recollidas por Dorothé Schubarth ás veciñas camariñás.
A celebración deste concerto é a primeira das actividades culturais previstas entre o Consello da Cultura Galega e o Concello de Carballo no marco dun acordo que asinaron os responsábeis de ambas as entidades. As entradas para o concerto estarán á disposición do público na billeteira do Concello a partir do xoves, 1 de maio.