O Concello de Ribeira fai gala de proxectos e di que é o quinto termo municipal da provincia con máis licitacións

30 Abril 2025

Este martes 29 de abril celebrouse o pleno ordinario de abril que nun principio estaba programado para o luns 28 e que, por mor do apagamento eléctrico en toda a Península Ibérica, non puido celebrarse. Antes de dar comezo á sesión, o alcalde Luís Pérez Barral quixo facer un recoñecemento especial ao traballo de todo o persoal do Concello que estivo implicado, “tanto o Grupo Municipal de Emerxencias como Policía Local, así como forzas e corpos de seguridade, bombeiros e servizos sanitarios fixeron un traballo brillante para garantir o benestar da cidadanía”.

Por outra banda destacou o comportamento exemplar de toda a poboación nunha xornada excepcional onde apenas “ocorreron incidencias salientábeis”.

Ampliación de desfibriladores en edificios públicos

O pleno comezou coa aprobación por unanimidade dunha proposición do PP sobre habilitar unha partida orzamentaria destinada á implantación de desfibriladores semiautomáticos (DESA) en instalacións municipais; o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones fixo referencia “á falta de mantemento dos DESA dende o 2017 nalgúns centros públicos”, cuestión que puido verificar el xa que realizou cursos gratuítos de formación en tarefas de reanimación cardiopulmonar. Furones recordou a iniciativa Cardi@ngel presentada xunto co tenente alcalde a comezos deste mes de abril, “que inclúe a implantación de dous DESAS novos; un para a comisaría da Policía Local e outro para un vehículo policial”. O concelleiro de Sanidade tamén anunciou a incorporación de dous máis e de ir “instalando paulatinamente os que faltan nas instalacións municipais segundo marca a lei”.

Segundo detallaron fontes do Goberno, a día de hoxe en Ribeira cóntanse con aparellos dese tipo nas seguintes localizacións: o Grupo de Emerxencias Municipal dispón de 5 que levan un e cada vehículo e logo deixan 3 no verán nas praias de moita afluencia. Tamén hai no Parque de Bombeiros, Concello, Fieiteira, Xulgado, IES Leliadoura, CEIP Frións, CEIP Heroínas de Sálvora, Escola Náutico-Pesqueira, Residencia de Maiores, Porto de Ribeira, Club Natural Sport, Cruz Vermella, Escola de Kenpo Barbanza e FRINSA.

Obras públicas

Tamén se aprobou por unanimidade unha proposición para axilizar as obras que están en execución. Nesta proposición o PP puxo en cuestión a dilixencia do actual Goberno na execución das obras do Concello, cuestión que foi rebatida argumentando a contextualidade e especificidade de cada unha. O concelleiro de Obras, Xabier Vidal, argumentou que o Concello de Ribeira sitúase como un dos cinco primeiros da provincia da Coruña en nivel de licitacións. Vidal expuxo un relatorio das obras rematadas ou en execución para ter unha visión global do realizado nestes case dous anos de mandato. En Aguiño citou “o asfaltado da estrada principal, a rúa Francisco Lorenzo Mariño, e agora nuns meses pavimentarase a rúa Castelao, mellorase a rúa Curbelo e está en execución a Escola de Deportes Náuticos e en licitación o Conservatorio de Aguiño. En Castiñeiras rematouse a rexeneración do paseo dos Mosqueiros a pavimentación de Curros e nuns días comezará a renovación da Ameixida. En Oleiros fíxose o saneamento de Lixó, as beirarrúas e o saneamento da Gándara, o asfaltado dos Muíños e están a piques de iniciarse os vestiarios do campo de fútbol. En Corrubedo fíxose a pavimentación e dotación de pluviais na rúa dos Pozos e do Colexio, as pistas de Saamil, o saneamento en Bos Aires e temos en execución a senda de Teira. En Palmeira renovouse o parque da Rochela e estamos co da Horta do Cura, tamén a renovación da rede de auga para consumo no Barreiro e en Lixó auga e saneamento e nuns meses comezarase coa ampliación da liña de auga para consumo en Río Azor. En Carreira mellorouse o firme en Laxes, púxose en marcha o Centro Social tras 14 anos de parálise, renováronse os parques de Parte ao Río e Campo da Festa; dotouse de abastecemento, pluviais e pavimentado da rúa Capela e temos en curso a pavimentación do camiño Vilar-Vixán.

En Artes temos para adxudicar a rede de saneamento e abastecemento en Arribas e a rede de pluviais en Outeiro”, enumerou, engadindo que “en Olveira realizouse a pavimentación e saneamento no lugar de Sirves e adxudicouse unha ampliación da rede de abastecemento de auga. En Ribeira estase rematando a reparación da rúa Romero Ortiz e o derrubo da casa para logo crear unha praza, a mellora da Cristóbal Colón en trámites para a súa aprobación na Deputación. Por outra banda actuouse na rúa Mendiño, praza do Centenario, rúa Otero Pedraio, Concello…” Vidal continuou tirando de datos e falando de xestión aludindo que “o goberno anterior incorreu en sobrecustes en obras que superaron os seis millóns de euros en 12 anos”. Para rematar cos datos o concelleiro de Obras informou que fronte as 23 obras que se sacaban por ano, co Goberno actual “subiuse a 30 obras licitadas por ano e no presente xa levamos un total de 11.” Segundo relatou Vidal, “a pesar de termos carencias de persoal no departamento de Contratación estamos como o quinto concello da provincia da Coruña que máis obra pública licita”.

A concelleira de Facenda, Herminia Pouso, tachou a proposta de “alarmista”, e argumentou que “algunhas das obras que sufriron demoras neste ano foi por mor das condicións meteorolóxicas e tamén pola falta de profesionais que hai no sector da construción”. Pouso tamén fixo referencia á demora da Escola de Deportes Náuticos, “vostedes xa comezaron a obra cunha demora considerábel, nós tivemos que facer un modificado do proxecto orixinal xa que no estudo topográfico contemplábase un subsolo diferente ao que se atopou, iso supuxo unha paralización da obra que esperamos que se solvente nun prazo razoábel”. Pouso finalizou recordando outra obra importante e anunciada polo anterior goberno, como era a da supresión da curva da Muñeira en Carreira “na que tamén pasou algo parecido coma no caso anterior”, dixo, “xa que a entidade competencial e titular da estrada, a Deputación da Coruña, non permite modificar o eixo da estrada polo que de pouco serviu a demolición e compra da vivenda cun sobre custo superior á fixada polos técnicos municipais”.

Período medio de pagamento

O alcalde informou que o período medio de pagamento das facturas no Concello de Ribeira sitúase nos 14 días e para finalizar o pleno procedeuse ao debate dos rogos e preguntas concluíndo así un pleno dunha duración dunha hora e quince minutos.

Outros artigos

Martes 20, marcado pola choiva e o vento do sur

As Rías Baixas e a comarca de Santiago quedarán este martes baixo a influencia das baixas presións situadas ao sur de Irlanda, que enviarán a Galicia unha nova fronte activa. A situación traerá ceos cubertos e precipitacións xeneralizadas, que serán máis intensas e...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Ketty Garat, periodista de año” – José Castro López

“Ketty Garat, periodista de año” – José Castro López

La elección de la ferrolana Ketty Garat como mejor periodista del año 2025 por parte de la Asociación de la Prensa de Madrid no es solo un reconocimiento a su actividad profesional impecable, es también una reivindicación del periodismo de investigación, esencial para...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.