O PP de Ribeira propón ampliar a instalación de desfibriladores en espazos municipais para aumentar a seguridade cidadá

22 Abril 2025

Unha nova proposta presentada polo Partido Popular no Concello de Ribeira insta ao goberno municipal a avanzar na implantación progresiva de Desfibriladores Externos Semiautomáticos (DESA) en instalacións públicas municipais, con especial atención a espazos de gran afluencia como instalacións deportivas, culturais e edificios administrativos.

A iniciativa parte da necesidade de actuar con rapidez ante as paradas cardíacas ou mortes súbitas, que se producen de forma inesperada con máis frecuencia do desexado no noso país, con arredor de 350 falecementos diarios por esta causa. Dado que o 80% destas situacións ocorren na vía pública ou no fogar, a única maneira de garantir unha resposta inmediata é a través do uso dos DESA por parte de persoas próximas á vítima, antes da chegada dos servizos de emerxencia.

Entidades como a Sociedade Española de Cardioloxía apoian a instalación xeneralizada destes dispositivos en lugares públicos, dado que a súa utilización nos tres primeiros minutos tras o paro cardíaco pode incrementar a supervivencia ata un 73%, e en menos de cinco minutos ata o 50%.

A proposta destaca iniciativas pioneiras como Cardio@ngel, posta en marcha recentemente en Ribeira, que combina unha rede de voluntariado con unha aplicación móbil para activar os servizos de emerxencia de forma inmediata. Ademais, fai referencia a un caso real acontecido o pasado mes nos xulgados da localidade, onde grazas á rápida intervención do persoal e da Policía Local, que contaban cun DESA, un veciño logrou recuperar as constantes vitais tras sufrir unha parada cardíaca.

Na actualidade, Ribeira conta con desfibriladores en lugares como o complexo deportivo da Fieiteira, as oficinas de Servizos Sociais, a Policía Local e algunhas escolas, como resultado de campañas como a do CEIP Frións, que logrou adquirir un DESA a través da venda de pulseiras solidarias.

A proposta solicita que no orzamento municipal de 2025 se reserve unha partida específica para continuar coa instalación destes dispositivos, así como para garantir a formación do persoal por profesionais cualificados. Tamén se propón ampliar o número de desfibriladores portátiles dispoñibles nos areais con vixilancia durante a tempada de verán e a bordo dos vehículos do Servizo de Emerxencias.

Como primeiros espazos prioritarios para a implantación, sinalan o Centro da Raqueta, a Casa Consistorial, o Centro Cultural Lustres Rivas-Biblioteca e o Auditorio Municipal, co obxectivo de avanzar cara a unha cidade máis segura e preparada para actuar ante situacións de emerxencia cardíaca.

Outros artigos

Falece un ciclista tras sufrir unha caída nunha pista forestal en Cee

A vítima formaba parte dun grupo de sete persoas que percorría en bicicleta o Camiño a Fisterra Un ciclista perdeu a vida esta tarde no concello coruñés de Cee tras precipitarse da súa bicicleta mentres realizaba o Camiño de Santiago en dirección a Fisterra xunto a un...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.