A literatura tradicional galega, protagonista na Fundación Granell cos ribeiráns Carlos Callón e Quico Cadaval

03 Abril 2025

Este sábado 5 de abril, a partir das 12 horas, a Fundación Granell de Santiago de Compostela acollerá a presentación nacional do libro Maxicamente vella, eternamente nova. A literatura tradicional galega, da autoría de Carlos Callón (Castiñeiras, Ribeira, 1978) e publicado por Edicións Xerais. O acto, organizado pola Agrupación Cultural O Galo, contará coa participación do propio autor e do narrador oral e director teatral Quico Cadaval (Ribeira, 1960).

Esta obra marca o comezo dun ambicioso proxecto de Callón, profesor no IES San Clemente e na Universidade de Santiago de Compostela, para divulgar a historia da literatura galega, ofrecendo, nas súas palabras, “unha visión accesíbel e atractiva para o público xeral”.

A saída deste volume coincide, ademais, coa dedicatoria do Día das Letras Galegas ás cantareiras, o que acrecenta un valor especial á reflexión que propón sobre a literatura de tradición oral. A acollida está a ser tan positiva que, en poucas semanas desde a súa chegada ás librarías, xa tivo que ser reimpreso debido á alta demanda.

Para Callón, “a literatura tradicional galega é unha herdanza viva, que nos conecta cun sólido pasado e nos inspira para o futuro; perdela sería perder unha parte importante de nós e un valioso legado de Galiza para o conxunto da humanidade”. Tamén sinala que “a oralidade é o primeiro libro da nosa historia. Antes que no papel, a nosa literatura escribiuse na memoria e no vento”.

A presentación constituirá unha oportunidade única para achegarse a esta nova obra e para gozar da sabedoría e do humor de Quico Cadaval, quen partillará a súa visión sobre a literatura galega e a súa importancia na identidade do noso pobo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...