“Urxe recoñecer a personalidade xurídica do sistema Ulla – Arousa” – Toño Nóvoa

16 Marzo 2025
O río Ulla nunha imaxe de obaixoulla.gal

A ría de Arousa e o río Ulla latexan coma un corazón que bombea vida, economía e cultura desde tempos inmemoriais. Hoxe, este ecosistema está en perigo: a degradación ambiental, a contaminación, a explotación ansiosa dos seus recursos e o cambio climático estano levando a un punto crítico. É hora de tomar medidas contundentes e xenerosas. Entre elas, o recoñecemento da personalidade xurídica deste sistema natural, tal e como se fixo co Mar Menor. É un paso valioso, fundamental e urxente.

A natureza ten dereitos

A ría de Arousa é moito máis que unha paisaxe fermosa ou un destino turístico. É a fonte de subsistencia de milleiros de familias que dependen da pesca, do marisqueo e dos servizos vinculados. Con todo, a diminución drástica da produción marisqueira, con caídas inauditas na captura de berberecho e de ameixa fina e babosa, reflicte unha crise de enormes dimensións. Os datos do sector non deixan lugar a dúbidas: imos cara a unha creba ecolóxica e económica de efectos descoñecidos.

O río Ulla é arteria fluvial que alimenta a ría. Tamén está ameazado. Verteduras industriais, e doutras, cambios no caudal polo baleirado descontrolado de encoros e proxectos industriais coma a macroplanta de celulosa de Altri ou a reapertura da mina de Touro representan perigos definitivos para a calidade da auga e a biodiversidade. Se non se toman medidas protectoras decisivas, as consecuencias non terán volta atrás.

Este cadro pon diante de nós a necesidade dun cambio de enfoque na forma en que vemos e tratamos a natureza: deixar de vela coma un simple obxecto de explotación e empezar a recoñecela coma un suxeito con dereitos propios. En lugar de tratar estes problemas coma rutinarios conflitos de intereses económicos con tanxentes políticas, é momento de asumir a interdependencia entre nós, os humanos, e o ecosistema onde vivimos. Protexer a natureza non é só unha cuestión ambiental, senón unha necesidade para garantir a nosa propia supervivencia e benestar.

Personalidade xurídica: posibilidade verdadeira

O recoñecemento xurídico dos ecosistemas non é unha utopía. No mundo, ríos coma o Whanganui en Nova Zelandia e o Atrato en Colombia foron dotados de dereitos propios, permitindo a súa defensa legal e garantindo a protección. En España, o Mar Menor foi pioneiro neste camiño. Xa non toca inventar, só temos que seguir este exemplo: dotar de personalidade xurídica ao sistema Ulla-Arousa permitiría que o ecosistema tivese representantes legais que velasen pola súa integridade, promovendo a súa protección e actuando xudicialmente na súa defensa cando fora preciso.

Este recoñecemento non é só un acto simbólico. Implica a creación dun marco legal que garanta a súa conservación, establecendo un plan de xestión sustentable, fortalecendo a regulación ambiental e asegurando o cumprimento das normativas. Nun contexto onde os intereses económicos adoitan impoñerse ás necesidades da poboación e aos dereitos ambientais, esta ferramenta pode marcar unha diferenza capital.

O recoñecemento de dereitos á natureza é unha acción de supervivencia, impulsada pola urxencia de protexer ecosistemas vitais para o planeta e os seres vivos. Adoptar este enfoque para asegurar a preservación das contornas naturais e os servizos ecosistémicos dos que dependemos veciños e cidadáns é un camiño a abrir sen demora aquí mesmo.

O fracaso ante a cobiza

As institucións públicas demostraron unha preocupante incapacidade para defender o ben común e a sustentabilidade dos ecosistemas fronte ás presións de grandes empresas con intereses depredadores. A falta de vontade política e a permisividade ante a explotación descontrolada levan, cada vez máis, a unha degradación ambiental difícil de reverter. A ría de Arousa e o río Ulla son testemuñas de como a cobiza de certos sectores industriais se impón sobre o dereito das comunidades a unha contorna saudable e sustentable. Sen mecanismos legais que outorguen protección efectiva a estes ecosistemas, o seu deterioro continuará en mans de intereses que priorizan o beneficio económico crudo sobre a supervivencia das xeracións futuras.

A responsabilidade compartida

A conservación do río Ulla e a ría de Arousa non é só tarefa dos mariscadores, mariñeiros ou dos colectivos ecoloxistas. É unha responsabilidade de toda a sociedade. Os cidadáns, todos e cada un, desde a academia hasta quen bebe da auga do río ou quen goza das praias no verán, deben esixir ás administracións que actúen de forma decidida e valente. As institucións deben apostar por políticas que prevalezan a protección do medio ambiente e a saúde da poboación sobre os intereses de curto prazo. E os sectores produtivos deben comprometerse con prácticas sustentables que garantan a viabilidade económica sen arriscar máis o futuro do ecosistema.

Estaremos a tempo de actuar? Non o sei, fáltanme coñecemento para tanto. Pero a ollos vista, o marxe redúcese moi rapidamente. Recoñecer a personalidade xurídica do sistema Ulla – Arousa é unha medida innovadora e excepcional, pero necesaria. E temos de quen aprender no Mar Menor. Non se trata só de protexer un ecosistema, senón de garantir o futuro destas augas, desta terra e das xeracións vindeiras. Porque defender o Ulla e a ría de Arousa é defender a nosa propia supervivencia. E se non aínda o entendemos, malpocados.

Toño Nóvoa, 15 de marzo de 2025

Outros artigos

“Sobre el Papa León XIV” – Manuel Domínguez

El Papa León XIV, presidente de la Ciudad del Vaticano. Solo datos, no opinion Nos habla con palabras de amor, de la dignidad, del derecho de los oprimidos, de atender y dar protección a quienes buscan un futuro en Europa que en sus países no tiene. El pontífice, que...

+

“El viejo cura de aldea” – Manuel Domínguez

El viejo cura de aldea. ¿Le conocí? Don Juan era un sacerdote muy apreciado por los niños, muchos se turnaban para ser monaguillos. Ciertamente alguna tarde solía repartir algún caramelo entre los niños buenos y los no buenos eran buenos, tal vez traviesos. El maestro...

+

“Primeiro o amor, despois ciencia” – Antón Luaces

A frase corresponde a Antoni Gaudí, arquitecto catalá responsable do deseño da basílica barcelonesa da Sagrada Familia, cuxa torre de Xesús Cristo bendiciu a pasada noite o papa León XIV, en presencia dos Reis de España e a maior parte do Goberno e o da comunidade...

+

“La ley seca en Riazor”. José Castro López

Acabó la temporada futbolística y, con ella, las alegrías, las decepciones, los ascensossoñados y los descensos temidos. Pero cuando el balón deja de rodar queda tiempo parareflexionar sobre algunas cosas que ocurrieron en los estadios y que merecen unareflexión.Una...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...