A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribeira, Carmen Pérez Gómez, presentou ao pleno municipal unha proposición para a instalación dunha rede de saneamento e melloras na seguridade da Casa de Cultura de Olveira.

Este centro, xestionado pola Comunidade de Montes de Olveira, é un espazo crave para a parroquia, acollendo actividades culturais, formativas e de lecer. Entre elas, destacan os ensaios do Grupo de Baile e Música Tradicional Tahúme, clases de costura, actividades físicas, talleres de memoria e cursos diversos organizados tanto pola comunidade como polo propio Concello de Ribeira.
Con todo, a falta dunha rede de saneamento adecuada xerou problemas, xa que a fosa séptica existente resulta insuficiente #ante o crecente número de usuarios. Por este motivo, Pérez Gómez solicitou a creación dunha partida orzamentaria destinada á instalación dunha rede de saneamento que garanta o bo funcionamento do centro.
Ademais, a concelleira solicitou un reforzo na vixilancia policial tras os recentes roubos sufridos polo bar da Casa de Cultura. Ao tratarse dunha instalación situada nunha zona illada, considera necesario aumentar a seguridade para protexer tanto as instalacións como o traballo dos negocios e asociacións que operan no lugar.
A proposta será debatida no próximo pleno municipal, onde se avaliará a viabilidade destas melloras en beneficio da comunidade de Olveira.




