O TSXG exime á Xunta de pagar 12,3 millóns a Audasa por peaxes en sombra da AP-9

19 Marzo 2025

19/03/2025.- A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) exime á Xunta de pagar a Autopistas del Atlántico Concesionaria Española (Audasa) 12,3 millóns en compensación polas peaxes en sombra de determinados tramos da AP-9 correspondentes ás anualidades de 2020 e 2021. Desta forma, o alto tribunal galego confirma a sentenza emitida polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Santiago de Compostela, que “só condena á Administración Xeral do Estado ao pagamento das cantidades debidas polas peaxes en sombra e, polo tanto, en ningún caso pode servir de título para que a apelante reclame pago ningún á Xunta de Galicia”. Os maxistrados salientan que no incidente de execución de dita sentenza xa se insistiu en que “nin a fundamentación nin a parte dispositiva lexitiman á apelante para reclamar directamente á Xunta o pago de cantidade ningunha”.  

O TSXG recorda que xa se pronunciou nunha sentenza do 15 de xuño de 2022, na que rexeitou a solicitude do Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana para que a Xunta lle abonase a indemnización que o Estado lle debía pagar a Audasa polas cantidades que deixou de percibir polas peaxes en sombra da ponte de Rande e o tramo da Barcala (A Coruña) durante os exercicios 2017, 2018 e 2019. “Debemos ratificar esa posición neste procedemento, en relación ás cantidades agora reclamadas pola apelante, porque a situación é idéntica á analizada en relación aos exercicios anteriores”, recalca a Sala, á vez que destaca que a apelante “carece de título xurídico que derive da sentenza 242/2020 do Tribunal Supremo para reclamar ningunha cantidade de diñeiro á Xunta”. A Sala engade que “a anulación nesa resolución do RD 803/2017 non crea ese título porque nin na parte dispositiva nin no fundamento xurídico noveno, onde se precisa a nulidade do Real Decreto, se declara unha vixencia do Real Decreto de 2006 que cree un título xurídico que permita reclamar á Xunta de Galicia por parte de Audasa”.

“Obrígase no apartado b) dese fundamento xurídico á ‘aplicación á concesión do sistema de contraprestación aprobado polo RD 633/2006’, pero faise a cargo da Administración Xeral do Estado, non da Xunta de Galicia, nin total nin parcialmente”, sinala o TSXG, que recalca que, ademais, a sentenza do Tribunal Supremo “impón o deber de forma expresa á Administración Xeral do Estado, polo que nada hai que autorice a interpretar, nin para eses anos nin para o futuro, que teña cabida a esixencia de pago ningún”. De feito, os maxistrados indican que “sería incongruente soster que a sentenza do Tribunal Supremo obriga a unha administración durante dous exercicios fiscais e, a outra, nos exercicios seguintes”.

“A desaparición do mundo xurídico do Real Decreto 803/2017 tivo o efecto, declarado e firme polo Tribunal Supremo, de establecer o deber de pago a cargo da Administración Xeral do Estado conforme aos criterios de cálculo do Real Decreto de 2006, sen que se sinalase o deber directo da Xunta de Galicia do aboamento de cantidade ningunha”, conclúe o TSXG na sentenza na que rexeita o recurso presentado por Audasa.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Desaparecerán muchos bares” – José Castro López

“Desaparecerán muchos bares” – José Castro López

Los bares forman parte de nuestra identidad nacional. Son como “un corazón económico y social” que late a diario en las calles de ciudades y pueblos, un punto de encuentro y de intercambio de historias entre generaciones. En ellos se mezclan edades, ideologías,...

“Veñen os Reis”. Xulio Xiz

“Veñen os Reis”. Xulio Xiz

Son devoto dos Magos, malia que non me prestaron atención ata que fun maior. Este día cinco estiven á súa beira en Begonte e en Lugo, confortado por unha información radiofónica que xustificaba que puidesen estar á vez en milleiros de lugares de todo o mundo. Xa que...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.