
O pleno do Concello de Noia aprobou, por unanimidade, a moción presentada pola Marea Cidadá de Noia para a defensa dos dereitos das persoas LGTBIQ+. A proposta, defendida polo voceiro da formación, Manolo Seijas, buscaba reforzar o compromiso institucional coa igualdade e a loita contra a discriminación por orientación sexual ou identidade de xénero. A moción destacaba “o aumento das agresións e discursos de odio contra o colectivo, tanto a nivel estatal como na provincia da Coruña”, e subliñaba “o papel clave das administracións locais na protección dos dereitos da cidadanía”.
Entre as medidas acordadas polo Concello inclúense as seguintes: activar campañas de sensibilización e formación en diversidade sexual nos centros educativos e espazos públicos; adquirir bibliografía LGTBIQ+ para a Biblioteca Municipal de Noia; formar en en delitos de odio á Policía Local; organizar eventos culturais para dar visibilidade á diversidade sexual e identidade de xénero; activar medidas para a inclusión laboral das persoas transxénero; emitir unha Declaración Institucional anual con motivo do Día do Orgullo LGTBIQ+; habilitar a bandeira LGTBIQ+ no balcón do Concello durante a semana conmemorativa; e instalar dous bancos “arcoíris” nunha zona céntrica como símbolo de apoio e visibilidade.
Trala aprobación da moción, Manolo Seijas expresou a súa satisfacción polo respaldo do pleno e subliñou a importancia de que os concellos se impliquen activamente na loita contra a LGTBIfobia.
“Non abonda con recoñecer a igualdade nos textos legais, senón que hai que traballar para que sexa unha realidade efectiva na vida cotiá”, afirmou o voceiro da Marea Cidadá de Noia.
A formación política tamén anunciou que vixiará o cumprimento das medidas aprobadas, asegurando que se leven a cabo as accións comprometidas polo Concello.




