O Concello de Muros continúa coas actuacións para mellorar a rede de saneamento cunha actuación na Rola, na parroquia de Serres. “Ademais do servizo que lle damos á veciñanza, o saneamento é indispensábel para manter a calidade dos nosos bancos marisqueiros, dos que vive moita xente”, asegurou a alcaldesa de Muros, María Lago, a respecto destes traballos de mellora da rede, ao que a concelleira de Obras, Laura Rivadeneira, engadiu que “na Rola aproveitamos a obra para repoñer a tubaxe do abastecemento de auga, uns traballos que realizamos coa concesionaria do servizo municipal de auga”.

Lago e Rivadeneira informaron tamén que este xoves 6 de marzo comezan obras de mellora no subministro de auga en Serres, de 09:00 a 14:00 horas, levadas a cabo pola empresa concesionaria, Espina y Delfín. Afectará á marxe dereita da subida a Serres desde a rotonda de Portugalete, incluído San Ramón e Liñares. Afectará tamén á marxe esquerda da subida a Serres desde o cruzamento da igrexa ata Lugar de Arriba.




