Dous guías turísticos locais súmanse ao Catálogo de peregrinacións marítimas do Camiño da Ría de Muros Noia 2025

13 Marzo 2025

Fomentar propostas para valorar o encanto da Ría de Muros e Noia amais de axudar a mellorar a competitividade dos negocios e os profesionais da comarca é o obxectivo da Ría da Estrela e da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia. Tirando deste dío cháganos o caso de dous emprendedores das localidades de Noia e Outes, que veñen de engadir os seus servizos aos achegados no Catálogo de Peregrinacións Marítimas 2025 pola navieira Sailway, o Monterreal Club de Yates de Baiona e a Asociación de Náuticos de Galicia (ASNAUGA).

“Estamos falando de dous profesionais implicados dende o primeiro momento no desenvolvemento tanto do xeodestino como do Camiño Xacobeo e que ofrecen uns servizos de guía turístico que non entran en competencia coas tres entidades promotoras deste Camiño Marítimo, pois abranguen aspectos complementarios e enriquecen a oferta ao turista e ao peregrino”, explica Santiago Freire, presidente da Ría da Estrela e da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia.

Neste senso, Freire Abeijón pon en valor as reunións periódicas que se están a celebrar con representantes de asociación, entidades, colectivos e empresas da comarca “para coñecer as súas propostas, inquedanzas e servizos para seguir avanzando xuntos. Contamos cun produto único, unha experiencia inesquecible que non pode ofrecer ningún outro Camiño Xacobeo que é peregrinar a Compostela coa familia ou as amizades a bordo dun veleiro, como fixeron milleiros de peregrinos dende a Segunda Cruzada. Se ademais podemos enriquecer esa oferta con servizos de empresas ou emprendedores locais, moito mellor”.

Estamos a falar de Antonio Peto e Paula Alonso, que como xa apuntamos acaban de sumarse ao Catálogo de Peregrinacións Marítimas 2025. Trátase de: Tremuzo, historia e patrimonio (Outes) e Noia sancosmeira (Noia), que achegan xa os seus servizos de guía turística no catálogo presentado en dous dos salóns de turismo máis importantes do mundo: a ITB (Berlín) e FITUR (Madrid).

Antonio Peto é un experto camiñante que oferta percorridos e rutas turísticas pola ría, desentrañando os seus segredos e descubrindo os seus recunchos máis fermosos. Asemade, Tremuzo, historia e patrimonio, tamén xestiona outros servizos para maior comodidade do visitante tales como aloxamento, restaurantes, servizo de taxi ou traslado de mochilas. Uns servizos que se poden contratar chamando ao teléfono 636 052 463, poñéndose en contacto a través do e-mail tremuzohp@gmail.com ou mediante a web de Tremuzo.

No caso de Paula Alonso, ela é unha guía oficial cunha gran experiencia en todos os municipios da Ría da Estrela. Con Noia sancosmeira, os turistas e peregrinos poden descubrir dun xeito entretido todos os recursos históricos da comarca, así como achegarse ao enorme valor etnolóxico das súas tradicións, como por exemplo os sombreiros que dan nome á empresa. Estes servizos poden contratarse chamando ao teléfono 686 944 020, a través do correo electrónico info@noiasancosmeira.com ou mediante a páxina web de Noiasancosmeira.

Indo ao Catálogo de Peregrinacións Marítimas 2025, cómpre dicir que ofrece peregrinar a Santiago a través dunha ría e duns portos cunha longa tradición xacobea. Tres operadores (Sailway, ASNAUGA e o Monte Real Club de Yates de Baiona) presentan unha ampla variedade de experiencias ao peregrino, que inclúen distintos percorridos, visitas, aloxamentos e experiencias gastronómicas que se adaptan tanto á capacidade económica como á dispoñibilidade de tempo do cliente. Iso si, todas estas ofertas teñen un punto en común: inclúen un mínimo de 90 millas náuticas en veleiro e realizar os últimos 12 quilómetros a pé para así obter a Compostela, xa que se trata dunha ruta amparada pola Oficina do Peregrino.

Para máis información e contratacións cómpre visitar a páxina web do Camiño Marítimo.

Outros artigos

Mércores 7, xornada de tempo variable

Este mércores 7, San Raimundo, quedaremos baixo unha situación intermedia entre altas e baixas presións. O día presentarase con ceos parcialmente nubrado e precipitacións intermitentes durante a mañá, especialmente na metade norte e interior da Comunidade. Co avance...

+

Muros vibrou este luns 5 coa espectacular visita dos Reis Magos

A AC Fouleada e o Concello de Muros organizaron un amplo programa de actividades festivas e de lecer para recibir e acompañar, este luns 5 de xaneiro en boa parte do concello muradá, ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. Pola mañá, a comitiva do Carteiro Real...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“OTAN o NATO”. Manuel Dominguez III

“OTAN o NATO”. Manuel Dominguez III

¿Para qué sirve? La OTAN, Organización del Tratado Atlántico norte, se creó para que la unión de occidente europeo y norte de América, pudieran defenderse mutuamente si uno de los países fuese atacado, por otra potencia, léase Rusia. El problema surge cuando tenemos...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.