Esta semana proseguiron as actividades do Concello de Porto do Son para celebrar o 8M, Día Internacional da Muller. A axenda comezou cunhas xornadas gratuítas de ioga e proseguiu coa Andaina pola Igualdade deste domingo 16, continuando na Biblioteca Municipal este luns 17 cun curso que puxo o foco nos estilos de vida saudábeis e nos beneficios da técnica de meditación mindfullness, que foi organizado polo SERGAS (a través da Escola Galega de Saúde para Cidadáns) en colaboración co Concello e que xuntou unhas trinta persoas.

O venres desa mesma semana, 21 de marzo, o Viveiro de Empresas volverá a acoller outro curso, este destinado ao autocoidado emocional das mulleres. Esta formación realizarase en horario de 16:00 a 20:00 h e conta co financiamento do SERGAS a través da Escola Galega de Saúde para Cidadáns. As inscricións están abertas para toda a veciñanza e realizaranse enviando unha solicitude ao enderezo electrónico maria.santos.lemina@portodoson.gal.
Ademais, desde o mes de marzo e ata xuño están programados diversos obradoiros de benestar psicolóxico no Viveiro de Empresas, en horario de 18.00 a 19.30 horas. Este programa, financiado a través do Pacto de Estado, está aberta a toda a veciñanza e poderán inscribirse na área de Benestar Social ou a través do enderezo electrónico maria.santos.lemina@portodoson.gal. Haberá sesións sobre autocoñecemento (o 28 de marzo), sobre arte-terapia e autodescubrimento (o 11 de abril), sobre como regular o sistema nervioso (o 25 de abril), sobre técnicas de control de pensamento (o 9 de maio), sobre como traballar coas preocupacións (o 23 de maio) e sobre como recoñecer as emocións (I e II, o 6 e o 13 de xuño). A sesión de peche será o 20 de xuño.
