Prosegue a vaga de protestas contra o proxecto da macrocelulosa Altri en Palas de Rei co beneplácito da Xunta. Este 19 de marzo o foco das mobilizacións volveu estar na Pobra do Caramiñal, onde, ademais da mobilización multitudinaria que se prevé para este 22 de marzo, foi este mércores o escenario elixido polo BNG para mostrar novamente o seu rexeitamento integral ao proxecto, a través da portavoz nacional, Ana Pontón, que acusou ao presidente Alfonso Rueda “de traizoar a Galiza ao pretender impoñer a bomba ambiental de Altri e practicar, pola vía dos feitos, un negacionismo do cambio climático que favorece os intereses da multinacional portuguesa e resulta letal para o país”. Engadiu que “estamos ante un goberno do Partido Popular que, pola vía dos feitos, é negacionista do cambio climático, que abraza as teses trumpistas de que a preservación do medio ambiente, da biodiversidade e o coidado do planeta é woke”, criticou desde A Pobra do Caramiñal para denunciar a continuación que este “negacionismo ambiental de Rueda é beneficioso para Altri, pero será un auténtico despropósito e letal” para o rural e o mar galegos.
Así o indicou no acto de apoio do BNG á mobilización convocada para este próximo sábado na Pobra contra a instalación da macrocelulosa en Galiza, acto no que tamén interveu a tenente de alcalde da localidade, Amparo Cerecedo, e ao que tamén asistiron distintos representantes municipais e comarcais e as deputadas Rosana Pérez e Montserrat Prado.
Pontón fixo un chamamento a unha mobilización histórica o sábado na Pobra, convencida de que a manifestación “vai ser unha marea de dignidade” coa unión de “todas as persoas que lle queremos a Galiza” e un “elemento clave para poder parar a bomba ambiental que o Partido Popular quere colocar no corazón de Galiza”, poñendo en risco miles de postos de traballo, o medio ambiente, o tecido do rural e do mar e nomeadamente a produtividade do gran motor económico da comarca, a ría de Arousa.
A líder nacionalista advertiu que “as decisións de hoxe van hipotecar o futuro de Galiza” e engadiu que “a macrocelulosa portuguesa suporía un golpe definitivo para o rural e para a produtividade da ría de Arousa, dado que se vería afectada polos 30.000 metros cúbicos contaminados que se verterían ao río Ulla, que desemboca na ría, no marco dunha solicitude de concesión de augas a 75 anos para captar 46.000 metros cúbicos de auga ao día, a mesma que consumen diariamente 354.000 habitantes, máis que toda a provincia de Lugo”, alertou.
“Vai ter unha afección clarísima na calidade das augas dunha ría que xa está vivindo neste momento unha crise produtiva sen precedentes e agora temos a ameaza de Altri e tamén a ameaza da mina de Touro”, subliñou para considerar un “auténtico disparate” que o Goberno do PP “queira poñer en risco todo o futuro da ría de Arousa, única e exclusivamente para escribir ao ditado que lle marca unha empresa portuguesa” da que, recalcou, “é socia a exconselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, compañeira de partido do señor Rueda”.
