A Xunta vén de adxudicar por un importe de 310.365 euros a redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Noia. O Executivo galego ten previsto construír unha infraestrutura sanitaria que “superará os 3.300 metros cadrados cun investimento previsto de arredor 10 millóns de euros, entre obra e equipamento”, explicaron fontes do Goberno autonómico, engadindo que o novo inmóbel disporá dunha área asistencial de atención clínica con 21 consultas de medicina, enfermería, farmacia, odontoloxía e hixienista, ademais das correspondentes salas de técnicas, de toma de mostras e de espera de pacientes.
As súas instalacións integrarán o Punto de Atención Continuada e contarán cunha base do 061 na área de urxencias.
Respecto dos seus servizos asistenciais, o futuro centro de saúde de Noia estará dotado con novas unidades: como é o caso dunha área de fisioterapia e rehabilitación, unha consulta de fisioterapia e unha sala de fisioterapia; e unha área de saúde mental, con 5 consultas: psiquiatría, psicoloxía, enfermería e traballo social, e unidade de atención ás adicións.





