A Garda Civil de Muros detivo a dous veciños de Carnota como presuntos autores do roubo de 277 nasas de pesca nos portos de Muros e Lira, cun valor estimado de 9.000 euros. Ata o momento, os axentes lograron recuperar 192 aparellos, pero a investigación segue aberta para localizar os 85 restantes.

As pescudas iniciáronse tras as denuncias presentadas polos afectados entre febreiro e marzo de 2025. Durante as investigacións, os axentes detectaron a dous individuos manipulando nasas no porto de Lira e cargándoas nunha furgoneta. Este modus operandi coincidía co empregado noutros roubos.
Ao interceptar o vehículo, os axentes comprobaron que as 23 nasas que transportaban foran subtraídas. Ante estas evidencias, procederón á detención dos dous ocupantes como presuntos autores dun delito continuado de roubo con forza.
A operación continuou coa investigación sobre o destino do material subtraído, logrando identificar un comprador en Fisterra. Alí, en varias casetas do porto, recuperáronse 169 das nasas roubadas, que foron incautadas pola Garda Civil.
As forzas de seguridade seguen traballando para recuperar as 85 nasas restantes e esclarecer completamente os feitos.



