A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra a súa Asemblea Xeral e anuncia novos acordos para 2025

01 Marzo 2025

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou este sábado a súa Asemblea Xeral, onde se adoptaron importantes acordos para o ano en curso.

Entre as decisións tomadas, destacou a elección de Xosé Manuel Beiras como “Escritor na súa Terra – Letra E”, recoñecemento que alcanza a súa trixésima primeira edición. A homenaxe terá lugar en xuño en Santiago de Compostela. Ademais, a escritora palestina Shahd Wadi foi nomeada Escritora Galega Universal para 2025.

Na reunión tamén se aprobou o programa de actividades para este ano, que xa deu comezo coa celebración do Día de Rosalía de Castro. A programación inclúe a continuidade de eventos consolidados como os paseos literarios e os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da AELG, así como a organización e coorganización de xornadas de formación centradas na creación literaria contemporánea e na formación de novos mediadores da lectura.

Tamén se reforzará o proxecto coordinado pola Sección de Literatura de Tradición Oral coa celebración dunha nova Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria, unha nova polafía e a XVIII Xornada de Literatura de Tradición Oral no outono. Ademais, terá lugar unha nova edición das Xornadas da Sección de Literatura Dramática.

Outro punto destacado foi a celebración do Encontro Galeusca en 2025. A visibilización das escritoras e escritores a través da web continuará a ser un eixo central da entidade, enriquecendo tanto o espazo común como as páxinas individuais do Centro de Documentación da AELG con novos contidos e entrevistas audiovisuais.

Por último, durante a Asemblea abordouse a análise do impacto da Intelixencia Artificial na creación escrita, tema que será tratado ao longo do ano dentro das diversas iniciativas da asociación.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Saúde pública en Europea” – José Manuel Pena

“Saúde pública en Europea” – José Manuel Pena

O beber demasiado alcol, o fumar, o non facer exercicio, o abusar das drogas ou o comer alimentos que nos fan dano, son algunhas das ameazas para a nosa saúde que provén do modo e o estilo de vida de cada un de nós. Resulta extraordinariamente preocupante de que o...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.