
Co mes de febreiro chegaron indicios claros e inequívocos da crise política no Goberno de Outes, logo de que os socialistas, a través do voceiro Tono Caamaño, anunciasen nun comunicado a súa saída do tripartito do Executivo por mor, nas súas palabras, “dun ano e medio de goberno no que non vimos nin grandes cambios nin pequenos con respecto o goberno anterior”. Esta crise recruou unha semana despois do dito comunicado, este 11 de febreiro, ao confirmar o PSOE unha moción de censura conxunta co Partido Popular contra o actual Goberno, formado por Compromiso por Outes (co alcalde Manolo González á fronte) e o BNG, iniciativa que podería dar a alcaldía ao popular Francisco Calo. A medida, que foi rexeitada polo propio PSdG, será resolta o vindeiro 25 de febreiro, coa celebración do pleno no que se determinará o rumbo do Concello de Outes.
O PP xuntou forzas co PSOE local arredor da moción co obxectivo de “rematar coa parálise do actual goberno”, engadindo que esta decisión “chega polos máis que evidentes signos de deterioro na vida municipal” e para “rematar coa situación de inestabilidade que estamos a vivir neste momento”.
Pola súa banda, os socialistas sinalan que “nesta lexislatura seguíronse cometendo os erros do anterior goberno, sen preocuparse o suficiente polo día a día das veciñas e veciños de Outes”. Engaden que “pensamos que dende dentro teríamos máis forza para levar a cabo as nosas propostas, pero non foi posíbel. Levamos 5 anos esperando por un espello, un ano esperando por dous farois e un ano dende que presentamos a ordenanza da tala da madeira, e seguimos agardando”, enumeraron, criticando ademais que neste momento “non hai nin un alcalde que atenda os veciños como fai falta, xa que como é sabido, agora ten dedicación na Universidade”.
A postura da dirección provincial do PSOE
A dirección do PSdeG Provincial da Coruña emitiu un comunicado no que desautoriza a moción de censura rexistrada na mañá deste 11 de febreiro en Outes co apoio do concelleiro socialista, José Antonio Caamaño. O PSdeG Provincial quere deixar claro “que é unha decisión persoal que en ningún caso conta co apoio do partido”. E engade que “este pacto co PP queda absolutamente desautorizado polo PSdeG-PSOE e emprenderanse as accións disciplinarias e regulamentarias pertinentes. Non se respectaron as normas internas do partido, polo que José Antonio Caamaño deberá renunciar á súa acta de concelleiro ou procederase á súa expulsión”.



